Grupo municipal

Grupo municipal do BNG
Amelia Sánchez, portavoz municipal do BNG (centro), e Salvador González e Vanessa Rey son o Grupo Municipal do BNG en Betanzos

Amelia Sánchez Pérez

Portavoz municipal do BNG. Xanrozo, Betanzos, 1982. Licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade da Coruña. Funcionaria da Consellería de Educación, profesora de Lingua e Literatura no IES As Mariñas.

Vanessa Rey Carro

Concelleira. Nada na Ribeira e veciña da Madalena, traballa nunha empresa de I+D+i gandeiro. 

Salvador González Fernández

Concelleiro. Nado no Castro (Sada) e veciño do Mandeo, membro da executiva comarcal da CIG e representante dos traballadores en Sargadelos.

 Asignación a grupo municipal e indemnizacións

O 22 de xuño de 2023 o Pleno do Concello acordou a asignación a grupos políticos e indemnizacións por asistencias a órganos do Concello dos distintos integrantes da Corporación, mantendo as que se foran acordadas nos mandatos precedentes. O acordo está publicado no BOP do 4 de xullo de 2023.

Como resultado dese acordo, o grupo municipal do BNG percibe 900 euros ao mes para o traballo político como representantes veciñais. Esta é a información no web municipal.

Do cumprimento dese acordo, e dado que o grupo municipal do BNG está na oposición, as persoas que integran o Grupo Municipal do BNG só asisten ao Pleno, Comisións e á mesa de contratación. As contías son:

-Pleno Ordinario: 240,88 €

-Pleno Extraordinario: 60,22 €

-Comisión informativa de Programación: 75,00 €

-Mesa de Contratación: 150,00 €

Conforme á Carta Financeira do BNG, estes cartos son doados integramente polas persoas que compoñen o Grupo Municipal do BNG á organización para sostemento da súa actividade política.

Declaración de bens e intereses

Os bens e intereses do grupo municipal do BNG están publicados no web oficial do Concello de Betanzos. Nesta ligazón podes consultar a declaración de bens e intereses do grupo municipal do BNG.

Actuación institucional

Os acordos de organización do Pleno do Concello de Betanzos conceden a cada grupo político a posibilidade de presentar até tres mocións e cinco preguntas en cada sesión ordinaria (celébranse adoito o último martes de cada mes). Un acordo posterior da xunta de portavoces deixou en 2 as mocións por grupo e Pleno, podendo presentarse tres excepcionalmente.

Neste enlace podes escoitar as gravacións das sesións plenarias ou ler as actas dos plenos.