AS NACIONALISTAS DEFENDEN QUE SE RESCINDA O ACTUAL CONTRATO E QUE, COMO FAN OUTROS MUNICIPIOS, O CONCELLO XESTIONE DIRECTAMENTE O SERVIZO
Denunciamos que no que vai de setembro xa se acumulan 3 días sen atención no SAF
“Xa abonda de anuncios, compromisos e sancións que non van a ningún lado, hai moito tempo que tiña que ter actuado neste problema que leva anos sen atallar pola falta de interese ou de iniciativa do goberno local”
As nacionalistas defenden que se rescinda o actual contrato e que, como fan outros municipios, o Concello xestione directamente o servizo
“Xa abonda de anuncios, compromisos e sancións que non van a ningún lado, hai moito tempo que tiña que ter actuado neste problema que leva anos sen atallar pola falta de interese ou de iniciativa do goberno local”
As nacionalistas defenden que se rescinda o actual contrato e que, como fan outros municipios, o Concello xestione directamente o servizo
Betanzos, 11 de setembro de 2019. O BNG denunciou que no que vai de mes, varias persoas usuarias do servizo de axuda no fogar (SAF) estiveron até tres días sen atención. Segundo relata o voceiro nacionalista, Henrique del Río, “familiares de persoas usuarias do SAF nos teñen trasladado o seu malestar e a súa impotencia porque non perciben ningún cambio de actitude por parte da concesionaria nin do goberno local”.
Neste sentido, o edil nacionalista explica que “contáronnos que mesmo teñen que contratar servizos doutras empresas privadas para que asuman o que, en teoría, tiña que facer o servizo municipal de axuda no fogar pero que obviamente deixa sen facer”. É moi grave porque non reciben o servizo público, que ademais están pagando, e as familias que poden vense obrigadas a contratar un servizo privado para cubrilo, mentres quen non pode non recibe axuda ningunha e nin sequera unha chamada” denuncian. “A situación é dun tremendo descontrol e resulta inadmisíbel” engade Del Río.
O portavoz municipal do BNG insiste en que “convén non perder de vista que as usuarias do SAF son boa parte das persoas máis vulnerábeis da nosa veciñanza”. Recalca que o feito de que o goberno local sexa incapaz de garantir o servizo do SAF supón que “persoas dependentes que precisan axuda para facer as cousas de casa, persoas de avanzada idade que non se puideron levantar da cama varios días porque a empresa non enviou unha auxiliar ao seu domicilio, familias que contaban con que chegara unha auxiliar para facer o xantar cun maior sentado á mesa e aproveitar para baixar ao super....”
Neste sentido, as nacionalistas reproban a actitude do goberno local neste asunto, acusando ao executivo do PSOE de practicar “durante anos a unha constante fuxida cara adiante”. “No pleno de agosto a alcaldesa e responsábel de servizos sociais comprometeuse a ter un pleno extraordinario a primeira semana de setembro para licitar de urxencia un novo contrato para o SAF, van dúas semanas e a urxencia, ao parecer, non era tal”, ironiza.
“Se María Barral pretendía prorrogar o contrato coa actual empresa o mínimo é que sexa honesta coa veciñanza afectada e o diga ás claras”, censura o portavoz municipal do BNG. “Xa abonda de anuncios, compromisos e sancións que non van a ningún lado” advirte, “hai moito tempo que tiña que ter actuado neste problema que leva anos sen atallar pola falta de interese ou de iniciativa do goberno local”, conclúen.
Rescindir o contrato e xestión directa
O BNG defende que o Concello rescinda o actual contrato- que aínda pode ser prorrogado dous anos. “Desta maneira, ao rescindir por incumprimento do contrato, a empresa, ademais, resultaría penalizada en novas licitacións”, explica Del Río. O pleno, que é o responsable de contratar neste caso, acordou rescindir o actual contrato, “un acordo que a alcaldesa bloquea a pesar de que segue sendo un acordo de contratación vixente”.