Del Río escribe sobre a comarcalización de servizos
"Poucas comarcas naturais hai tan marcadas no noso país como a nosa, onde Betanzos empresta servizos a todos os veciños e veciñas da bisbarra e estes contribúen tamén a dinamizar o comercio e a vida da cidade".
Betanzos, 11 de abril de 2012. O xornal "Betanzos e a súa comarca", editado por ACEBE-CCA, recolle no seu número deste mes un artigo do voceiro do BNG no Concello, Henrique del Río, sobre a comarcalización de servizos e a necesidade de que Betanzos asuma realmente o seu rol como cabeceira comarcal. Polo seu interese publicámolo a seguir de xeito íntegro.
É hora de que Betanzos asuma a súa condición de cabeceira comarcal
En pleno debate social sobre a necesidade de suprimir as deputacións provinciais e o PP sacouse da chistera o coello da fusión de Oza e Cesuras. Co truco pretendían ocultar a inutilidade das deputacións, a insuficiencia de fondos que teñen os concellos e os problemas que de verdade preocupan aos galegos coma o paro ou a reforma laboral: para o PP, ao parecer, concellos máis grandes son mellores, aínda que sigan sen ter recursos para prestar servizos á súa poboación. No fondo trátase de salvar ás deputacións e de desviar a atención dos problemas reais do país.
No BNG defendemos sempre a comarcalización de servizos como unha alternativa para achegar os servizos á maior cantidade posíbel de persoas e dunha forma moito máis económica para os concellos. A posta en man común de servizos coma saneamento, transporte público, residuos, turismo ou servizos culturais contribúe a racionalizar o gasto, mellorar a calidade de vida e estender os servizos públicos ao conxunto da cidadanía.
Para acadar unha maior eficiencia no gasto público o BNG aposta por suprimir as deputacións provinciais, unhas entidades obsoletas e sen función que gastan máis do 60% dos seus recursos en sosterse a si mesmas. No pasado ano 2010 os galegos e galegas teríamos aforrado 300 millóns de euros se se suprimisen as deputacións.
Ademais, é necesario que se reformule o sistema de financiamento local atendendo criterios específicos da realidade galega, como a dispersión da poboación ou o seu avellentamento, porque é máis caro emprestar o saneamento nun concello galego, con moitos núcleos de poboación, que nun castelán cun único núcleo de poboación. Esta reforma do financiamento local debe garantir fondos suficientes para financiar os servizos que os Concellos emprestan, por si mesmos ou de forma mancomunada.
No caso concreto da nosa comarca, ademais, é hora de que Betanzos asuma de xeito real e decidido a súa condición de cabeceira comarcal. Poucas comarcas naturais hai tan marcadas no noso país como a nosa, onde Betanzos empresta servizos a todos os veciños e veciñas da bisbarra e estes contribúen tamén a dinamizar o comercio e a vida da cidade. Betanzos non está a asumir o seu papel como cabeceira comarcal, deixando por articular a súa zona de influencia natural, o que repercute na calidade de vida da xente. No seu día, seguindo estratexias partidistas, o PSOE integrou a Betanzos na área coruñesa, deixando de lado a nosa condición de cabeceira comarcal.
No seu día, seguindo estratexias partidistas, o PSOE integrou a Betanzos na área coruñesa, deixando de lado a nosa condición de cabeceira comarcal
Optar por unha mancomunidade de concellos na nosa comarca devólvenos á condición de cabeceira comarcal que Betanzos non debeu deixar nunca de lado e permite achegar máis servizos e a menor custo a todos os veciños e veciñas, tanto do concello de Betanzos como da súa área de influencia. Esta mancomunidade é unha alternativa seria e viábel ás fusións improvisadas que apadriña o PP para intentar manter unhas estructuras obsoletas e clientelares coma as deputacións provinciais.