Proxectamos Frankenstein 04155 o vindeiro luns 20 en Biblos
O filme repasa o accidente do Alvia en Angrois e afonda na falta de medidas de seguridade que tiña a vía e a falta dunha investigación sobre o suceso. O coloquio e a presentación faráos Ana Miranda, eurodeputada do BNG que conseguiu que a Unión Europea reprenda ao goberno español por non investigar o suceso.
O filme repasa o accidente do Alvia en Angrois e afonda na falta de medidas de seguridade que tiña a vía e a falta dunha investigación sobre o suceso. O coloquio e a presentación faráos Ana Miranda, eurodeputada do BNG que conseguiu que a Unión Europea reprenda ao goberno español por non investigar o suceso.
Betanzos, 17 de febreiro de 2017. O BNG, en colaboración coa Plataforma Víctimas Alvia 04155,e a Libraría Biblos proxectará o vindeiro luns o filme “Frankenstein 04155”, unha cinta documental dirixida por Aitor Rei que repasa o accidente do Alvia en Angrois en xullo de hai dous anos e afonda na falta de medidas de seguridade que tiña a vía e a falta dunha investigación sobre o suceso.
Para presentar o filme e conducir o coloquio posterior estará a representante do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda. O pasado día 25 de xaneiro Miranda e representantes da plataforma entrevistáronse con responsábeis da Axencia Ferroviaria Europea logrando que se comprometa a acudir aos tribunais no caso de que o xuíz que instrúe a causa do Alvia os cite. A portavoz na Eurocámara anunciou tamén que o BNG vai dirixirse á Comisión Europea para que “atenda o mandato dado onte pola Comisión de Peticións do Parlamento Europeo instando a unha nova investigación da traxedia de Angrois”.
O BNG que vai pedir “abrir un novo procedemento de infracción sobre as causas do accidente” desde a Comisión Europea contra o Estado español, máis alo da composición da Comisión Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) que, segundo o executivo comunitario, no caso do accidente do Alvia incumpría a lexislación da UE. O demoledor informe emitido pola ERA avala a necesidade dese novo expediente, segundo explica Miranda.
O Concello de Betanzos acordou respaldar as demandas da plataforma de abrir unha verdadeira investigación para determinar o acontecido en Angrois e a apertura dunha comisión de investigación en sé parlamentaria para establecer posibles responsabilidades políticas. “Malia o tempo transcorrido desde agosto, non temos noticia de que o alcalde recibise á plataforma tal e como se acordou nin de que fixese xestos ou medidas para dar a coñecer as súas demandas”, explica Del Río. Por este motivo, as nacionalistas tomaron a decisión de proxectar o filme na localidade.
O pase será o vindeiro luns ás sete do serán na Libraría Biblos, no Casco Histórico, e contará, ademais de coa presenza de Ana Miranda, coa de integrantes da plataforma.