Propoñemos derrogar a ordenanza fiscal da ORA xa que se anulou o contrato

Un informe do novo secretario desvela que a empresa non realizou os investimentos que o contrato exixía, polo que a marxe de beneficios obtida foi aínda maior. “A comisión de investigación sobre esta concesión debería volver a xuntarse e depurar as responsabilidades que procedan por manter esta situación de prexuízo para a veciñanza”

Betanzos, 16 de novembro de 2016. O BNG propuxo derrogar a ordenaza fiscal que dá pé ao cobro por aparcar nas vías públicas, a ORA. “Xa que se acaba de dar por finalizada a concesión nun pleno o lóxico, agora que se están mirando as ordenanzas fiscais, e dar por finalizada a taxa por aparcar nas nosas rúas tamén”, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

“A ORA é unha taxa inxusta socialmente, cun afán exclusivamente recadatorio”, indican desde o BNG. “Paga o mesmo un multimillonario que unha persoa sen ingresos por aparcar nunha rúa de todas nós”, engaden. Por este motivo, o BNG defende que se substitúa a zona azul de pago por un sistema de rotación gratuíta do estacionamento.

Desde o BNG denuncian, ademais, que o informe elaborado polo novo secretario municipal evidencia máis mentiras do executivo local en torno a esta concesión. “O custo para a empresa foi moi inferior porque utilizou dous vehículos vellos para o guindastre en lugar de comprar un novo como o contrato establecía”, explica Del Río.

“Pero é que ademais, como viñamos dicindo, a empresa non é unha ONG e prorrogou o contrato porque lle conviña”, explica o edil nacionalista. “Cunha amortización menor porque non fixeron os investimentos que debían, levándose toda a recadación e sen a débeda que o goberno local usaba de excusa para manter a prórroga irregular da concesión, está claro que todo eran beneficios para a empresa co aplauso do PSOE e o PP”, relata.

Neste sentido, desde o BNG consideran que a comisión de investigación sobre esta concesión debería volver a xuntarse e depurar as responsabilidades que procedan por manter esta situación de prexuízo para a veciñanza aínda que agora o PSOE cambiase de postura e apoiase a demanda das nacionalistas de rescindir o contrato con Setex Aparki SA.

“É o momento de enterrar este modelo privatizado que non garante a rotación no estacionamento, que só busca recadar por aparcar nas rúas que xa pagamos cos nosos impostos e que só beneficiou, polo de agora, á empresa privada”, sostén Del Río. “Defenderemos derrogar a ordenanza fiscal que instaura a ORA para cambiar o modelo, e esperamos o apoio dos grupos que se mostraron contrarios á ORA nesta demanda” concluiu.
 
Propoñemos derrogar a ordenanza fiscal da ORA xa que se anulou o contrato