Denunciamos que o goberno local ven de privatizar a transcrición das actas dos Plenos
“O goberno local do PSOE cada vez que lle recordamos a súa ansia privatizadora alporízase e nega que estean a privatizar servizos públicos básicos mais o certo é que mentres din defender os servizos públicos o que están facendo e todo o contrario”
Betanzos, 4 de febreiro de 2019. O BNG denunciou que o goberno local ven de privatizar a transcrición das actas dos Plenos. “Na relación de contratacións menores que acompañaban ao Pleno do pasado martes figuraban novas privatizacións de servizos municipais. Traballos de mantemento de edificios públicos como o campo de fútbol ou o Pasatempo, de actuacións en servizos privatizados por empresas distintas ás adxudicatarias entre elas xardinería e limpeza ou mesmo de actuacións na rede de saneamento que supostamente deberan correr por conta da adxudicataria do servizo. Mesmo privatizan a "transcrición" das actas das sesións plenarias como a que levaron a aprobación o pasado martes”, explicou o portavoz nacionalista Henrique del Río.
“Polo que parece esta é unha nova volta de torca ao proceso de privatización de servizos públicos que leva anos levando a cabo o goberno local, desde o cemiterio até a limpeza, ou a xestión da páxina web e da campaña publicitaria Betanzos tan Cerca, a limpeza viaria, a xardinaría, a limpeza de edificios ou a xestión da auga e da rede de sumidoiros. A grande maioría dos servizos están sendo xestionados por empresas privadas máis contratar a unha empresa a transcrición das actas plenarias é mesmo surrealista”, criticou Del Río.
“O goberno local do PSOE cada vez que lle recordamos a súa ansia privatizadora alporízase e nega que estean a privatizar servizos públicos básicos mais o certo é que mentres din defender os servizos públicos o que están facendo e todo o contrario”, criticou del Río.
Falta de información destes contratos “a dedo”
O listado dos contratos menores que poden ser adxudicados “a dedo” debía estar publicado no web municipal e ser público “Por que motivo non publican a relación de contratos menores no web municipal, tal e como exixe a Lei de Transparencia?”, cuestionou o portavoz nacionalista.