O BNG propón sinalizar co seu nome tradicional todos os núcleos rurais e identificar os camiños

O BNG propón sinalizar co seu nome tradicional todos os núcleos rurais e identificar os camiños

A finalidade desta proposta é de facer máis doada a localización das vivendas, sobre todo para quen non reside na zona e para servizos coma Correos, servizos técnicos ou emerxencias.

Betanzos, 24 de febreiro de 2012. O BNG presentou unha iniciativa para debater no Pleno que se celebrará o vindeiro martes que pretende mellorar os servizos no rural. A proposta nacionalista pretende sinalizar co seu nome tradicional todos os núcleos rurais e identificar os distintos camiños da parroquia, a fin de facer máis doada a localización das vivendas, sobre todo para quen non reside na zona e para servizos coma Correos, reparto a domicilio, servizos técnicos ou mesmo emerxencias como ambulancias ou bombeiros.

A Asociación de Veciños de Tiobre trasladoulles esta suxestión nas reunións que os nacionalistas tiveron para recadar propostas de cara aos orzamentos deste ano. O voceiro nacionalista, Henrique del Río, indica que “a proposta veciñal alude a un proxecto de recollida de microtoponimia tradicional na parroquia de Tiobre lanzado desde a Concellaría de Normalización Lingüística cando a dirixía o BNG”.

Os veciños achegáronlles a súa petición de que se estude a posibilidade de dar nome aos camiños en base a este traballo xa feito de recollida de microtoponimia, sendo necesario para isto o concurso da Xunta de Galiza en tanto que é quen ten a competencia fóra do viario urbano. “De todas maneiras, o Concello o que si pode facer é sinalizar os distintos núcleos cos seus nomes tradicionais, mantendo así o patrimonio inmaterial do noso pobo, e ordenar a numeración das vivendas destes núcleos a fin de facela coherente e facilitar a localización das distintas vivendas”, explicou o voceiro nacionalista. O BNG entende que esta demanda dos veciños e veciñas de Tiobre é de interese para todos os núcleos e camiños do municipio.

O BNG propón sinalizar co seu nome tradicional todos os núcleos rurais e identificar os camiños