O BNG pide ao pleno de Betanzos que se posicione contra o copago farmacéutico
"Pedimos que se compense esta medida tan lesiva evitando que as persoas pensionistas vexan reducidas as súas pensións polo feito de ter enfermidades".
Betanzos, 27 de agosto de 2012. O BNG propoñerá no Pleno que se celebra mañá que o Concello reclame á Xunta que redacte unha normativa propia, en virtude das competencias sanitarias que ten atribuídas, para que reducir o impacto do copago farmacéutico para os pensionistas. Xa que o PP de Feijóo decidiu adiantar as eleccións sen cumprir coas obrigas que lle marcaba o Estatuto, pedirémosllo ao próximo goberno galego, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Os nacionalistas recordan que o copago farmacéutico non se impuxo igual en todo o Estado porque algunhas comunidades autónomas elaboraron normativas propias grazas ás competencias que teñen atribuídas. O que pedimos é que se compense esta medida tan lesiva evitando que as persoas pensionistas vexan reducidas as súas pensións polo feito de ter enfermidades, explica o voceiro do BNG, non nos parece xusto que se lles obrigue a pagar o déficit do Estado, que non causaron, ou o rescate á banca privada, explica o voceiro do BNG.
Son máis de 725 000 os pensionistas afectados polo copago
O BNG cifra en máis de 725 000 os pensionistas afectados polo copago farmacéutico e asegura que tamén aumenta a achega de centos de miles de persoas activas. Os nacionalistas aseguran que o copago farmacéutico é un sistema inxusto e insolvente que deixa fóra de financiamento medicamentos fundamentais que non teñen alternativa en Galiza, nin nas farmacias nin nas distribuidoras. A modo de exemplo, desde o BNG advirten do feito de que persoas con tratamentos crónicos deixaron de retirar a súa medicación pola imposición deste copago.
Desde o BNG aseguran, ademais, que pensionistas con persoas que dependen da súa cartilla, teñen que soportar un duplo ou triplo tope de 8 ou 18 euros e que tamén existen reclamacións sobre as novas porcentaxes aplicadas a persoas activas que merecen a desatención do SERGAS e obrigando ás persoas doentes a que reclamen na Seguridade Social.
O voceiro do BNG, Henrique del Río, advertiu que para xustificar este copago o PP quérennos facer crer que con estes cartos vanse abrir novos centros sanitarios, pero a realidade é que están a vender a ilusión de novos centros de saúde cando estes cartos non se invisten en servizos públicos senón que se van empregar en reducir o déficit causado pola nacionalización da débeda dos bancos.
Del Río asegurou que o Goberno galego ten as mesmas competencias que outras comunidades e a mesma capacidade para evitarlle ás persoas enfermas e pensionistas este recorte dos seus ingresos, pero o goberno do PP na Xunta toma a decisión de non facelo, para non ser un problema para Madrid. Con esta actitude, advirte, o PP prefire ser un problema para as persoas pensionistas de Galiza e asegura que a sanidade debe ser un elemento de redistribución de riqueza, pública e universal e que pode ser financiada suficientemente coa recadación dos impostos.