O BNG pide aclaracións ao PP sobre o obradoiro de emprego no río de Caraña
O goberno de María Faraldo non explica como pretende rehabilitar con fondos públicos uns muíños privados que seguirán a ser propiedade de particulares. “O goberno local confunde o público co privado”.
O goberno de María Faraldo non explica como pretende rehabilitar con fondos públicos uns muíños privados que seguirán a ser propiedade de particulares. “O goberno local confunde o público co privado”.
Betanzos, 18 de novembro de 2009. O Grupo Municipal do BNG vén de esixir ao goberno presidido por María Faraldo unha explicación convincente sobre varios aspectos relacionados co obradoiro de emprego do río dos Pelamios, financiado pola Xunta. A dicir dos nacionalistas, os anuncios do goberno de María Faraldo suscitan dúbidas razoables de procedemento que xa foron postas de manifesto polo seu portavoz, Xabier López, durante a Comisión de Programación e o Pleno do mes pasado, sen que ata o momento se recibise a máis mínima contestación. Concretamente, os nacionalistas sinalan que moitos dos muíños tradicionais que se pretender restaurar na bacía do río dos Pelamios ao seu paso polos núcleos de Caraña do Medio e Caraña de Abaixo son de titularidade privada, co que este proxecto de singular alcance etnográfico e patrimonial, pode verse completamente fanado por non ter previsto este aspecto.
“Ata que punto”, cuestionan desde o BNG, “pode concertarse a rehabilitación con fondos públicos de propiedades que a día de hoxe son particulares, sen que se iniciase ningún tipo de expediente expropiatorio, se negociase a súa adquisición, ou se previse o réxime xurídico que vai rexer os bens rehabilitados? A quen lle corresponderá a súa conservación unha vez restaurados? Cal será o seu réxime de uso?”
Neste asunto, coma o dos soportais da praza do Campo, o BNG ten a sensación, en palabras de Xabier de López, de que “o goberno PP-CXB comeza a casa polo tellado”. “Primeiro dispoñen a obra, logo captan fondos públicos, e mais tarde os aplican sen o máis mínimo exame das súas consecuencias de orde xurídica” afirma López, que entende que este proceder pon de manifesto a “absoluta confusión deste goberno municipal entre o público e o privado” e a súa “ben preocupante improvisación”.
Unha iniciativa nacionalista vampirizada polo PP
O obradoiro de emprego para rehabilitar as marxes do río dos Pelamios é un proxecto deseñado polo anterior Tenente de Alcalde de Betanzos, o nacionalista Andrés Otero Botana. O proxecto era o segundo obradoiro de emprego deseñado polo BNG tras a exitosa experiencia que permitiu rehabilitar o Matadoiro da Ribeira (unha obra que María Faraldo obstruíu obrando de xeito partidista e que non tivo reparo en inaugurar tal como a deixou o BNG dous anos despois). Esta actuación sumábase a outra para dotar de novas canalizacións e pavimentación seis rúas do Casco Histórico na traseira da Torre de Lanzós (que xa foi executada con cargo ao FEIL), formando un proxecto máis dentro da recuperación de espazos públicos que o BNG promoveu mentres tivo responsabilidades de goberno. O PP cuestionou e non apoiou este proxecto que logo non dubidou en plaxiar, loar e vender coma propio.
Tras dous anos nos que o equipo de goberno de María Faraldo foi incapaz de presentar en prazo toda a documentación para que a Xunta concedese este obradoiro de emprego a Betanzos, a chegada do PP á Xunta parece que permitirá a Faraldo sortear o procedemento. Desde o BNG indican que estarán especialmente atentos na súa labor fiscalizadora no tocante á selección do persoal e alumnado do obradoiro de emprego para asegurarse que a selección se fai con todas as garantías esixíbeis.