O BNG leva ao Pleno a súa oposición a que a Xunta deixe sen atención médica ás persoas sen emprego
“As persoas afectadas só teñen dereito, previo compromiso de pago, á atención de urxencias e emerxencias, é dicir, perden o dereito á sanidade pública universal, fican sen médico/a de cabeceira, sen probas diagnósticas nin especialistas, non teñen, en definitiva, asistencia sanitaria completa”.
“As persoas afectadas só teñen dereito, previo compromiso de pago, á atención de urxencias e emerxencias, é dicir, perden o dereito á sanidade pública universal, fican sen médico/a de cabeceira, sen probas diagnósticas nin especialistas, non teñen, en definitiva, asistencia sanitaria completa”.
Betanzos, 28 de novembro de 2011. O BNG presentará no Pleno que terá lugar mañá unha moción para reclamar á Xunta a “retirar de xeito inmediato o Protocolo que desenvolve a Orde de 5 de setembro de 2011 publicada no DOG do 9 de setembro” a fin de “restituír todos os dereitos das persoas que foron prexudicadas polo mencionado Protocolo reactivando as tarxetas anuladas”.
Segundo explican os edís Henrique del Río e Xosé Vales na exposición de motivos da moción, “a Consellaría de Sanidade da Xunta de Galiza publicou no Diario Oficial unha orde na que regula o dereito de acceso á asistencia sanitaria para as persoas sen recursos económicos suficientes e para as persoas desempregadas”. Con posterioridade a Consellaría remitiu un “protocolo” segundo o cal “as persoas afectadas só teñen dereito, previo compromiso de pago, á atención de urxencias e emerxencias, é dicir, perden o dereito á sanidade pública universal, fican sen médico/a de cabeceira, sen probas diagnósticas nin especialistas, non teñen, en definitiva, asistencia sanitaria completa. Estas persoas quedan tamén sen a asistencia farmacéutica até que volvan a ter todos os papeis en regra para volver estar de alta”.
Para os nacionalistas “esta orde está totalmente inxustificada, é inhumana e desoladora, xa que vulnera os dereitos básicos da cidadanía e rompe os principios de universalidade e equidade da Sanidade Pública”. Os nacionalistas acusan ao “goberno do PP na Xunta de Galiza está a levar adiante unha serie de medidas que pretenden a privatización e o desmantelamento da sanidade pública no noso país como demostra a redución de persoal sanitario mediante a non cobertura de baixas e xubilacións, a redución de consultas e actividade nos quirófanos na quenda de tarde”. Neste sentido, lembran que recentemente presentaron unha iniciativa no Parlamento para exixir que se continuase a prestar o servizo de pediatría polas tardes, que o gobernó do PP recurtou.
Exixencia de financiación para o Plan Concertado de Servizos Sociais
Os nacionalistas tamén levarán ao Pleno unha moción reclamando a restitución de fondos por parte da Xunta ao Plan Concertado de Servizos Sociais. Vales e Del Río denuncian que “no mes de outubro os concellos aínda non recibiron da Xunta de Galiza as subvencións do Plan Concertado, cando os concellos veñen realizando o gasto desde o mes de xaneiro” e instan á Corporación a reclamar unha solución a “este tema de inmediato para asegurar e garantir os recursos necesarios para que os concellos sigan ofrecendo á sociedade os servizos e prestacións sociais que demanda e precisa, especialmente diante da crise económica e social que atravesamos”.
A outra moción do BNG neste pleno propón iniciar os traballos para rexenerar a beira do Mendo no entorno do Pasatempo.