Os orzamentos da Xunta, unha nova desilusión para as betanceiras

Estes orzamentos marcan unha liña de continuidade e demostran a carencia de proxecto e de ilusión dun goberno esgotado, que pouco pode ofrecer xa aos betanceiros e betanceiras

Os orzamentos da Xunta, unha nova desilusión para as betanceiras
Amelia Sánchez é a portavoz do BNG de Betanzos
Amelia Sánchez é a portavoz do BNG de Betanzos

Un ano máis, a Xunta de Galiza fixo públicos con foguetes de sete estralos os seus orzamentos para 2024. Inmersos de cheo na campaña electoral, anuncian investimentos e servizos que, unha vez máis, esquecen por completo Betanzos e a comarca das Mariñas.

Ao longo dos últimos anos, a veciñanza de Betanzos vén reclamando de maneira insistente investimentos en cuestións sociais de importancia crucial como a mellora das instalacións do comedor e a segunda fase da reforma do CEIP Vales Villamarín; a conversión do aulario nun centro independente: a creación dun centro de información á muller ou dun centro de orientación familiar; ou a moi necesaria posta en funcionamento dos ansiados centro de día e xeriátrico públicos.

Un ano máis, os orzamentos da Xunta esquecen o investimento social na nosa comarca e deixan os sectores vulnerábeis sen as partidas económicas necesarias para mellorar a súa calidade de vida.

Os servizos públicos básicos nin foron nin serán unha prioridade para este goberno, como así demostra a falta de fondos para dotar dos especialistas necesarios o noso centro de especialidades ou para mellorar o maltreito servizo de transporte colectivo.

Da falta de proxecto e de iniciativa destes orzamentos dá proba o feito de que adíen un ano máis a solución ao grave problema de contaminación que padecen os nosos ríos e a ría de Betanzos, e que vimos este verán cos problemas da auga potábel. Necesitamos uns ríos e unha ría saneados que volvan ser un motor económico e, asemade, que garantan a salubridade do servizo de abastecemento de augas. 

E se falamos do que debería ser o noso motor económico, insistimos na importancia da conservación e posta en valor do noso patrimonio, que o PP ten abandonado. Só unha referencia a unha reserva para obras de mellora no Pasatempo dentro dunha partida xenérica de obras relacionadas co turismo, mais esquecen a  conservación e posta en valor doutro patrimonio protexido e a piques de desaparecer como a Fábrica da Luz ou o Casco Histórico.

Estes orzamentos marcan unha liña de continuidade e demostran a carencia de proxecto e de ilusión dun goberno esgotado, que pouco pode ofrecer xa aos betanceiros e betanceiras. Cómpre reactivar unha comarca altamente produtiva como esta e por iso precisamos un proxecto propio dun goberno galego capaz de xerar ilusión na veciñanza. No BNG estamos seguras de que podemos facelo.

 

Os orzamentos da Xunta, unha nova desilusión para as betanceiras