O BNG trasladará ao Pleno as súas propostas para un Plan de rescate para a hostalería
“O goberno local anunciou a súa intención de aprobar un manifesto de todos os grupos pero en ningún momento se puxo en contacto con nós para falar de propostas e textos concretos. Parécenos que hai que tomar medidas xa, e xa imos tarde, non podemos seguir agardando”
“O goberno local levará a Pleno a aprobación do orzamento para este ano no que non contempla ningunha partida para unha nova liña de axudas á hostalería”
Betanzos, 23 de febreiro de 2021. O BNG trasladará ao Pleno as súas propostas para un Plan de rescate para a hostalería. “Hai máis dunha semana que enviamos ao PSOE e ao PP as nosas propostas explicando que eran a base para sentarse a falar e chegar a acordos polo ben do sector e pedindo altura de miras e que abandonaran os intereses partidistas, como non tivemos chamada ningunha para chegar a ningún acordo e tendo en conta a situación crítica en que se encontra o sector e que non podemos seguir agardando para tomar medidas para apoiar aos hostaleiros, decidimos levar as nosas propostas directamente ao Pleno”, explicou a portavoz Amelia Sánchez.
“O goberno local anunciou a súa intención de aprobar un manifesto de todos os grupos pero en ningún momento se puxo en contacto con nós para falar de propostas e textos concretos. Parécenos que hai que tomar medidas xa, e xa imos tarde, non podemos seguir agardando”, engadiu a portavoz nacionalista.
As propostas do BNG piden ao goberno local que resolva e pague de inmediato as axudas convocadas despois do primeiro confinamento, hai case un ano, e que parece que están empezando a resolver agora, que convoque unha nova liña de axudas en apoio da hostalería e o comercio e que renuncie a subida de taxas coma a da auga, que como levamos meses denunciando, pretende subir un 2%.
A proposta nacionalista esixe tamén á Xunta de Galiza, a administración competente en materia económica, a activar un Plan de Rescate para a hostalería e o turismo que cubra o 70% das perdas polas restricións da pandemia e compatíbel con calquera outra axuda pública e medidas que afectarían ao goberno do estado como a rebaixa do IVE da enerxía eléctrica ou exonerar do pago das cotas de seguridade social aos autónomos do sector da hostalaría afectados polas restricións totais ou parciais de actividade.
Sen partida no orzamento de 2021 para axudas á hostalaría
“O goberno local levará a Pleno a aprobación do orzamento para este ano no que non contempla ningunha partida para unha nova liña de axudas á hostalería”, criticou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez. “É unha incoherencia por un lado comprometerse a apoiar o sector e despois no seu propio orzamento non reservar un só euro para estas axudas, máxime cando na FEGAMP se está a propor a reserva dun 1% dos orzamentos municipais para estas axudas”, concluíu.