Coa entrada en vigor das novas medidas restritivas para frear a escalada de casos de Covid-19 no noso país novamente se pon o foco nos sectores da hostelaría e do pequeno comercio. Eles son, máis unha vez, os principais afectados polos peches e polas reducións horarias, sen que se abran novas liñas de axuda que compensen as súas perdas.
Estes sectores, estratéxicos no noso Concello, xa eran as vítimas da implantación das grandes áreas comerciais e do comercio en liña e as dificultades que derivan da pandemia global que estamos a vivir agravan, aínda máis, a súa situación.
Desde o BNG de Betanzos vimos estabelecendo un contacto permanente con eles e fannos partícipes da súa problemática: deben seguir asumindo numerosos pagamentos (alugueiros, autónomos, seguros, recibos...) mentres os seus ingresos merman cuantiosamente, cando non desaparecen por completo.
Ao mesmo tempo, denuncian o abandono que senten por parte dos diferentes gobernos (local, galego e estatal), que anuncian grandilocuentemente axudas que non dan chegado a resolverse.
Cómpre aplicar medidas urxentes e efectivas, que axuden a asumir os gastos de mantemento destes negocios e que garantan a prevalencia dos postos de traballo, tanto dos pequenos empresarios que están detrás destes comercios, bares e restaurantes, como dos seus empregados.
Na mesma liña, é necesario que o goberno local faga un novo esforzo en promover o consumo no pequeno e mediano comercio como opción responsábel, sustentábel (nos sentidos ambiental e social) e consciente, axustado ás necesidades reais da veciñanza e rachando co consumismo vinculado a datas concretas.
Un esforzo que se explicitaría en medidas que o BNG leva propoñendo desde hai anos como a creación dun banco de locais comerciais, a implentación do Centro Comercial Aberto ou a posta en marcha dun mercado virtual, en que teñan presenza todos aqueles comerciantes e hostaleiros que así o solicitaren e que teña un servizo de reparto das compras unificado.
Debemos, asemade, axilizar os trámites administrativos, esa burocracia que fai que meses e meses despois de teren solicitado as subvencións convocadas polo Concello de Betanzos, sumamente necesarias para a súa subsistencia, aínda non visen un só euro.
O comercio e a hostelaría foron e son servizos estratéxicos na nosa vila, na nosa man está axudarlles para que continúen a selo no futuro.