CIEC e Globo: necesitamos chinguitos na política cultural?

Ambas fundacións son máis similares do que poida parecer: apelan ás emocións fronte ao racional para ocultar que somos as veciñas quen poñemos os cartos para os chiringuitos, escondendo o que se fai co noso diñeiro.
 

CIEC e Globo: necesitamos chinguitos na política cultural?

En 1997 o Concello puxo 7,5 millóns de pts. en maquinaria, obras e equipamento para constituír a Fundación CIEC. O seu promotor, Jesús Núñez, puxo 3,25 millóns de pts., segundo a escritura. Por ese 70%, ao Concello correspondeulle un posto no Padroado, mentres que polo seu 30%, a familia Núñez ten a Jesús Núñez, súa dona, 5 membros máis da súa familia e Francisco Manuel Díaz Pereira, ex-concelleiro de cultura co PSOE, a título particular. 8 votos para o 30% e só 1 voto para quen puxo o 70% do capital.

Desde esa data, non hai ningún tipo de control público sobre o que acontece no CIEC. O goberno local mesmo obrigaba a empregados municipais a limparen un edificio particular, e no pleno, por insistencia do BNG, o alcalde confesou que nin sequera é convocado ás xuntanzas do padroado. Por descontado, nestes 20 anos o goberno non informou das decisións adoptadas no organismo, a pesar de financiar as súas actividades por medio de subvencións que saen dos nosos tributos. Opacidade absoluta.

Parvas seriamos se non apreciásemos que unha entidade coa valía artística, cultural e patrimonial do CIEC teña en Betanzos a súa sede e imparta aquí boa parte da súa programación formativa, mais botamos en falta un maior vínculo da entidade coa cultura do País e un control público, dado que a maior parte dos fondos para constituíla foron públicos.

E con este legado, o goberno propuxo este mes a creación doutra fundación privada para que se encargue da elaboración do globo: tería a súa sede na Casa do Concello, e un 50% do padroado sería nomeado pola familia Pita. Porén, a proposta xa foi avaliada negativamente por dous informes demoledores pola ausencia de controis na actuación da fundación e pola falta de viabilidade económica. 

O Concello seguirá pagando os 17.700€ anuais polo globo máis seguros e demais. Os Pita cederán á entidade a patente que fixeron dunha tradición que, no fondo, é de todas as betanceiras. Obviamente, todas queremos conservar unha tradición única coma o globo. Mais non se pode facer sen cumprir a lexislación e máis se o fan para crear un chiringuito que escapa de todo control público.

Ambas fundacións son máis similares do que poida parecer: apelan ás emocións fronte ao racional para ocultar que somos as veciñas quen poñemos os cartos para os chiringuitos, escondendo o que se fai co noso diñeiro.
 

CIEC e Globo: necesitamos chinguitos na política cultural?