O BNG cuestiona o peche da Aula CeMIT
O PP negouse a asumir os 190 000 euros que o BNG pediu no Parlamento para impulsar estas aulas nos concellos. O BNG reclama ao goberno local que manteña este servizo do mesmo xeito que mantén o GRUMIR a pesar de non ter axudas da Xunta para elo.
Betanzos, 10 de xaneiro de 2014. O BNG exixiu ao goberno local do PSOE que aclare por que mentres mantén nos seus postos a tres operarios do GRUMIR a pesar de que xa rematou a subvención coa que os mantiña, a encargada da Aula CeMIT foi para casa cando expirou a axuda da Xunta.
Os nacionalistas consideran inadmisíbel que o goberno local do PSOE empregue dobre vara de medir cos empregados municipais en función de quen sexan. Sobre os operarios do GRUMIR, recordan, hai un informe do asesor xurídico no que se recoñece que isto é unha ilegalidade, pero non nos consta que o goberno local actuase para solucionar esta situación ilegal. Xa dixemos máis veces que incumprir unha lei a sabendas ten un nome, prevaricación, advertiu o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Non entendemos se é que o goberno premeditadamente prepara a demanda por contrato en fraude de lei, porque outra explicación non hai, insiste.
Desde o BNG consideran que a Aula CeMIT- o nome que o PP impuxo á Aula da Rede de Dinamización da Sociedade da Información aberta en Betanzos pola Consellería de Industria cando a dirixía o BNG- cumpre un papel esencial para que os avances tecnolóxicos revertan no tecido produtivo xerando novos nichos de actividade económica, benestar e emprego de calidade.
Por este motivo, reclaman ao goberno do PSOE que manteña este servizo do mesmo xeito que mantén o GRUMIR a pesar de non ter axudas da Xunta para elo.
A fin de garantir o servizo, os deputados e deputadas do BNG presentaron unha emenda aos orzamentos da Xunta para destinar 190 000 euros ao impulso das Aulas CeMIT nos concellos. O PP votou en contra desta emenda, condenando a desaparecer boa parte destes servizos, lamenta o voceiro nacionalista.
A Aula dá servizo a boa parte da comarca, insisten desde o BNG, polo que esta negativa demostra o nulo interese do PP polo mantemento de poboación e actividade económica nas cabeceiras de comarca e os concellos rurais e o exercicio dunha política que priva á xente destes lugares de máis servizos, incrementando a súa dependencia das grandes cidades explican desde o BNG. Menos servizos no rural implican tamén menos poboación no rural, advirten.