O BNG chama a participar no roteiro convocado polas asociacións ecoloxistas contra o paseo do Mandeo

O BNG chama a participar no roteiro convocado polas asociacións ecoloxistas contra o paseo do Mandeo

Representantes do BNG antes de comezar o roteiro

O BNG denunciou que o goberno local do PSOE pretende sacar adiante o paseo a carón do río Mandeo sen sometelo a avaliación ambiental.

Ao roteiro que se celebrará este domingo ás 10 desde o paseo das Monxas asistirá a portavoz do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda.

Betanzos, 20 de decembro de 2014. O BNG denunciou que o goberno local do PSOE pretende sacar adiante o paseo a carón do río Mandeo sen sometelo a avaliación ambiental. En resposta a unha iniciativa do BNG o goberno local asegurou que a Xunta informara de que non é necesaria a avaliación ambiental para construir un paseo fluvial a carón do río.

“Afirman que como é un proxecto similar ao que estaba incluído no Plan Mandeo hai uns anos, que tampouco se sometera a avaliación ambiental, non é necesario para este novo proxecto tampouco”, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río. “O río Mandeo está incluído na Rede Natura 2000 e é zona núcleo da Reserva da Biosfera, e aínda así a Xunta desculpa a avaliación ambiental para un paseo que vai ter un impacto evidente sobre o Mandeo” engadiu o nacionalista.

“Desde o momento en que o proxecto que aprobou o Concello de Betanzos, cos votos a favor de PSOE e PP, inclúe unha canalización de PVC para fecais dentro da liña da marea é obvio que ten unha incidencia ambiental clarísima”, explica. “Tanto pola propia obra de instalar a canalización, cos seus movementos de terra na beira mesma do río, como despois ante a posibilidade de que a canalización plástica sufra roturas ou fisuras que dean coas augas negras no río”, relata.

“PSOE e PP agárranse ao que sexa para tirar adiante co seu proxecto faraónico aínda que vaia supoñer acabar con parte do patrimonio natural de todas e todos”, lamenta. “É vergonzante como PSOE e PP pisan o acelerador saltándose todas as garantías que a Lei exixe para que unha empresa constructora faga negocio a costa do Mandeo agora que os bloques de pisos non son negocio”, censura o nacionalista.

“É un estrago indecente de cartos no medio da crise que estamos padecendo e vai en contra do río que din querer protexer e poñer en valor”, explica. “A douscentos mil euros o quilómetro de paseo, é unha ocorrencia faraónica que será imposíbel manter axeitadamente”, engade Del Río.

Ana Miranda, Henrique del Río e a responsábel do BNG das Mariñas nun momento do paseo

 

O BNG apoia o roteiro convocado polas asociacións ecoloxistas da comarca

 

O BNG chamou a veciñanza a participar no roteiro informativo-reivindicativo convocado o domingo ás 10 no paseo das Monxas pola Sociedade Galega de Historia natural e outras asociacións ecoloxistas da comarca.

 

O goberno local do PSOE pretende sacar adiante o paseo a carón do río Mandeo sen sometelo a avaliación ambiental

 

Os nacionalistas de Betanzos e da comarca participarán nesta marcha acompañados de Ana Miranda, portavoz do BNG no Parlamento Europeo.

O BNG chama a participar no roteiro convocado polas asociacións ecoloxistas contra o paseo do Mandeo