O BNG de Betanzos consegue que o goberno faga públicas as auditorías sobre o estado do CIEC
As auditorías, que xa foran solicitadas polas nacionalistas hai uns meses, teñen a ver coa situación económica da fundación, un estudo arquitectónico da Casa Núñez e unha auditoría artística sobre a obra que posúe a fundación.
Betanzos, 29 de agosto de 2024.- O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria co fin de coñecer o contido das tres auditorías sobre a Fundación do Centro Internacional da Estampa Contemporánea. Estas auditorías, que xa foran solicitadas polas nacionalistas hai uns meses, teñen a ver coa situación económica da fundación, un estudo arquitectónico da Casa Núñez e unha auditoría artística sobre a obra que posúe a fundación.
Segundo a concelleira Vanessa Rey, “cando solicitamos as auditorías a comezos de ano o goberno local indicou que se estaba a traballar neses documentos e que se lle ofrecería a todas as betanceiras a información resultante en canto se contase con ela. Mais, a día de hoxe, non se deu conta das auditorías realizadas e non se informou sobre o mapa de ruta para o funcionamento futuro do CIEC”. “Mentres que as betanceiras seguimos sen esta información, no CIEC estanse a organizar diferentes eventos culturais coa participación municipal”, engadiu Rey.
As nacionalistas destacan que o CIEC é un centro artístico de referencia a nivel internacional, e que para isto sería importante valorar a participación do tecido cultural da propia comarca e do País e a colaboración con centros de ensino e asociacións culturais na popularización tanto da súa colección como das súas actividades.
Durante a sesión plenaria, o goberno local amosou o seu apoio á iniciativa do BNG e entregou as mencionadas auditorías, ao tempo que explicou que non está definido o modelo de xestión da Fundación CIEC, á espera de coñecer a totalidade da débeda que acumula a institución.