O BNG pide ao goberno local que dea conta do legado de Jesús Núñez e faga público o resultado das auditorías, realizadas os pasados meses
Amelia Sánchez: “Consideramos que se debe dar a coñecer o mapa de ruta para o funcionamento futuro do CIEC valorando a participación do tecido cultural da propia comarca e o País e a colaboración con centros de ensino e asociacións culturais na popularización tanto da súa colección como das súas actividades”
Betanzos, 26 de xaneiro de 2024.- O BNG pedirá no Pleno que o goberno local dea conta do legado de Jesús Núñez a esta institución, así como a facer público o resultado das auditorías que foron realizadas nos meses pasados. “Logo do pasamento de Jesús Núñez o pasado mes de outubro, hai unhas semanas, as betanceiras coñeciamos pola prensa o legado do señor Núñez e que este deixaba a súa participación na Fundación, a súa parte da Casa Núñez e a súa obra artística ao Concello de Betanzos”, explicou a voceira do BNG, Amelia Sánchez.
“Coñecemos, tamén pola prensa a existencia de tres auditorías sobre a fundación: unha artística, unha arquitectónica e outra económica, mais non se nos ofreceron datos oficiais sobre estas auditorías”, engadiu a nacionalista. “A día de hoxe, a rumoroloxía e a desinformación medran e no BNG consideramos que o Concello debe aclarar a situación do CIEC e as implicacións que a apertura do testamento de Jesús Núñez ten para o ente municipal”, indicou.
“Así mesmo, consideramos que se debe dar conta das auditorías realizadas e dar a coñecer o mapa de ruta para o funcionamento futuro do CIEC, centro artístico de referencia a nivel internacional, e que para isto sería importante valorar a participación do tecido cultural da propia comarca e o País e a colaboración con centros de ensino e asociacións culturais na popularización tanto da súa colección como das súas actividades”, afirmou Amelia Sánchez.
Por outro lado, desde o BNG consideran que o Concello debe procurar a colaboración doutras institucións (Deputación da Coruña, Xunta de Galiza, universidades...) para o financiamento e a xestión, tanto do funcionamento como do persoal, do CIEC.