Por unha sanidade pública de calidade para Betanzos e comarca

A negativa do goberno do PP a cubrir as baixas e permisos do persoal do centro de saúde repercute na calidade do servizo que recibimos.

Por unha sanidade pública de calidade para Betanzos e comarca
sanidade-betanzos

Betanzos e a nosa comarca están a sufrir desde hai anos un crecente deterioro da sanidade pública, froito dos reiterados recortes orzamentarios dos gobernos da Xunta e do Estado. Os recortes en sanidade afectan desde anos atrás ao persoal e ao estado das infraestruturas, e estas dúas, á vez, afectan moi negativamente, por forza, á calidade da atención, como demostran as queixas continuas que trasladamos aos Plenos e das que nos fixemos eco nos últimos anos.

Os recortes na nosa comarca veñen de lonxe. Na pasada lexislatura, aló polo mes de agosto de 2012, no BNG denunciabamos no Parlamento recortes na área de pediatría do centro de saúde do Carregal. Nos últimos dous anos, a Consellaría decidiu non cubrir as vacacións de verán dunha das pediatras. Pero non se trata apenas das vacacións estivais: a negativa do SERGAS a cubrir permisos, baixas e licenzas está a obrigar á outra pediatra e aos médicos de familia a asumiren a atención das nenas que quedaron sen a súa pediatra. En definitiva, esta negativa do goberno do PP a cubrir as baixas na área de Pediatría repercute na calidade do servizo que recibimos.

Non se trata dunha situación puntual do servizo de Pediatría de Betanzos, senón que lamentabelmente se ten convertido xa en práctica habitual, tamén, nos servizos de matrona e de xinecoloxía, e dáse nas restantes consultas de maneira usual. A isto veu engadirse a finais de 2017 a falta de cobertura en Betanzos das vacacións do persoal de urxencias psiquiátricas, que obrigou a pechar o servizo e a derivar pacientes ao CHUAC até o pasado 9 de xaneiro.

Así é que a deterioración progresiva dos diferentes servizos do centro de saúde de Betanzos obriga a botar man, por desgraza, dos servizos de urxencias á mínima ocasión, con desprazamentos ao hospital Teresa Herrera e ao CHUAC e o conseguinte colapso das urxencias. A Consellaría apúrase a culpar as usuarias do colapso, cando o culpábel, o verdadeiro responsábel é o goberno do PP. 

Por todo isto, no BNG pedimos no Parlamento galego que se asignen 100 mil euros a maiores para contratar persoal e cubrir así as baixas en todos os servizos que quedan sen atender cando hai vacacións, licenzas ou ausencias e que repercuten negativamente no servizo que recibimos. Así como, asignar outros 200 mil euros para garantir o persoal de Pediatría no centro de saúde de Betanzos.


Artigo orixinalmente publicado no xornal "Betanzos e a súa comarca" no seu número de febreiro de 2018

Por unha sanidade pública de calidade para Betanzos e comarca