No artigo do último número desta cabeceira expoñiamos as necesidades de contar cun servizo de transporte público por autobús que cubrise as necesidades laborais, educativas e, mesmo, sanitarias das betanceiras.
Cando aínda non se deron os pasos necesarios para solucionar a problemática que ten a ver con ese servizo, no BNG poñemos sobre a mesa a necesidade de mellorar o sistema ferroviario en Betanzos e en toda a comarca, para conseguirmos unha mobilidade máis racional, máis útil para a veciñanza e máis respectuosa co medio ambiente e coas persoas.
Mentres que desde o Estado e desde a Xunta se está a apostar por un servizo de ferrocarril que nos leve á meseta, no BNG insistimos na necesidade dun tren que una Betanzos cos concellos da nosa comarca natural e coas cidades da Coruña e Ferrol e que sirva, en definitiva, para articular a mobilidade interna dentro do territorio galego. De nada nos serve ir en tren de alta velocidade a Madrid se resulta imposíbel desprazármonos en transporte público ás estacións de onde parte ese tren.
Cómpre investir na modernización do trazado ferroviario entre Ferrol e A Coruña, recollendo a electrificación e a dupla vía e a construción do bypass de Infesta, para favorecer o emprego do ferrocarril en toda a zona urbana A Coruña-Ferrol e para acurtar os tempos de viaxe entre as dúas cidades e favorecer a comunicación entre os diferentes concellos da nosa comarca. Na mesma liña, é necesaria a reapertura das estacións de Betanzos Cidade e Betanzos Infesta para dar cobertura aos principais núcleos de poboación e a habilitación de zonas de aparcamento gratuíto nas súas proximidades.
Asemade, débese levar a cabo unha reorganización dos horarios e das frecuencias dos trens, para que cumpran o obxectivo de dar servizo ás traballadoras e ao estudantado, ofrecendo unhas tarifa accesíbeis e competitivas e incluíndo o transporte ferroviario dentro das bonificacións que ofrece a Tarxeta de Transporte Metropolitano da Xunta de Galiza.
Unhas medidas que irían encamiñadas a un único fin: converter o servizo de tren de proximidades nun servizo á altura dos tempos, que responda ás necesidades da veciñanza e ecoloxicamente sustentábel.