“DESDE O PASADO 12 DE MARZO REMITIMOS AO GOBERNO PERIODICAMENTE PROPOSTAS PARA AFRONTAR ESTA NOVA SITUACIÓN NOS EIDOS SOCIAL, CULTURAL, COMERCIAL E EDUCATIVO E, HONESTAMENTE, A DÍA DE HOXE NON TEMOS NOTICIA DE QUE SE PUXERAN CON ELAS”
Pedimos a reprobación dos concelleiros que incumpriron as normas do confinamento e que se poñan a traballar de inmediato para sacar adiante Betanzos
Betanzos, 5 de maio de 2020. O BNG pediu a reprobación dos concelleiros do goberno local que incumpriron as normas do confinamento decretado co estado de alarma vixente e que o goberno se poña a traballar de inmediato nas propostas necesarias para sacar adiante Betanzos. “Pensamos que todos os veciños e veciñas de Betanzos debemos ser iguais e todas e todos temos que respectar as normas, e polo tanto a alcaldesa debe reprobar a actuación dos edís de goberno que as incumpriron e esixirlles responsabilidade nas súas actuacións”, afirmaron os nacionalistas.
“Mais, dito isto, desde o BNG pensamos que non é o momento de loitas electoralistas e que o goberno ten que resolver xa este tema para poñerse a traballar de inmediato nas propostas necesarias para garantir a seguridade da nosa veciñanza e apoiala no momento tan grave que estamos vivindo”, indicaron.
“O que a nosa veciñanza nos está pedindo é responsabilidade e altura de miras e o que estamos percibindo por parte do goberno e da oposición do PP é xusto o contrario, “temos que pechar xa este debate, reprobando a actitude destes concelleiros e traballar polos veciños e veciñas de Betanzos.
“Desde o pasado 12 de marzo remitimos ao goberno periodicamente propostas para afrontar esta nova situación nos eidos social, cultural, comercial e educativo e, honestamente, a día de hoxe non temos noticia de que se puxeran con elas”, explican. Repasan propostas concretas como un novo servizo de préstamo de libros a domicilio, un banco de locais comerciais ou un mercado virtual na páxina web do concello nas que nin sequera empezaron a traballar. “Pensamos que temos moito que facer e en que avanzar nun momento tan grave para moitas familias e a iso temos que dedicarnos”, concluíron os nacionalistas.