Denunciamos a situación de abandono, deixadez e falta de limpeza da Cañota e os soportais da Cañota
“Trátase dunha zona que podería ser das máis bonitas de Betanzos, cos balcóns mariñáns e os tradicionais soportais, pero que vemos como se vai degradando ano tras ano, sen que o goberno local tome medida ningunha para evitalo”
Betanzos, 5 de xuño de 2020. O BNG denunciou a situación de abandono, deixadez e falta de limpeza da Cañota e os soportais da Cañota. “Vimos recibindo queixas continuas pola falta de limpeza e o abandono desta zona, na que ademais hai varios negocios de hostalería e terrazas, que levan tempo trasladando este problema ao concello sen obter solución”, explicou o portavoz do BNG, Henrique del Río.
“Trátase dunha zona que podería ser das máis bonitas de Betanzos, cos balcóns mariñáns e os tradicionais soportais, pero que vemos como se vai degradando ano tras ano, sen que o goberno local tome medida ningunha para evitalo”, engadiu o portavoz nacionalista. “Derrubes de casas, coches aparcados entre os muros, falta de limpeza viaria, colonias de gatos sen ningún tipo de control... a situación leva anos empeorando a pesar das queixas veciñais e dos hostaleiros da zona. É hora de que o goberno se decida a tomar medidas”, indicou Del Río.
Desde o BNG informaron de que segundo a veciñanza nin sequera se están levando a cabo as medidas mínimas para garantir a limpeza viaria e a hixiene na zona e urxen ao goberno local a tomar medidas para atallar a situación.