Nos días pasados, desde o BNG de Betanzos propuxemos o pintado de xogos infantís sinxelos nas beirarrúas como medida para estimular as máis pequenas da vila nos seus paseos. Desta maneira, propuñamos encher os espazos públicos de mariolas, animaliños ou xogos xeométricos e matemáticos sinxelos.
Os nenos e nenas foron e son uns dos grandes prexudicados desta crise sanitaria, estiveron seis semanas pechados nos seus fogares e este simple xesto animaría o reducido tempo que poden estar na rúa, ao tempo que estimularía as súas mentes cunha actividade pedagoxicamente incuestionábel (afastada das tan socorridas pantallas, das que tanto abusamos nestes tempos de teleaulas).
Puidemos ler reaccións contrarias a esta medida, que nos acusaban de querer agrupar a rapazada e provocar aglomeracións de xente, mesmo de querer acoutar espazos nas beirarrúas e promover insalubres concentracións.
Nada máis lonxe da realidade, en primeiro lugar porque somos conscientes de que a veciñanza betanceira estaría á altura da situación e entendería estes xogos como o que son, un entretemento do que desfrutar mentres se pasea, non unha escusa para se quedar parados e reunirse arredor deles
En segundo lugar, pola mesma dinámica dos brinquedos, que estimulan o movemento e propician que as crianzas camiñen máis axiña, alixeirando o paso.
E, finalmente, porque consideramos imprescindíbel para superarmos esta situación o cumprimento rigoroso das normas do estado de alarma e, por ese motivo, non elevaríamos propostas contrarias a esta normativa.
As pequenas betanceiras carecen, neste momento, de zonas específicas de carácter lúdico, polo que entendemos esta medida como unha pequena chiscadela cara a elas que, ademais, carece de riscos sanitarios, ao non levar aparellado o contacto físico entre elas.