Denunciamos a mala xestión do servizo de mañanceiros polo goberno deixa fóra a varias familias
“Hai varias persoas que non figuran nas listaxes facilitadas polo goberno local á empresa que xestiona o servizo, e polo tanto non están inscritas no servizo malia ter presentado a documentación en Servizos Sociais como indicou o goberno local. É urxente buscar unha solución a este feito posto de manifesto co inicio do curso escolar hai uns días"
“Hai varias persoas que non figuran nas listaxes facilitadas polo goberno local á empresa que xestiona o servizo, e polo tanto non están inscritas no servizo malia ter presentado a documentación en Servizos Sociais como indicou o goberno local. É urxente buscar unha solución a este feito posto de manifesto co inicio do curso escolar hai uns días"
Betanzos, 1 de outubro de 2018. O BNG denunciou no Pleno que varias familias quedaron fóra do servizo de mañanceiros e almorzos que o Concello empresta no CEIP Vales Villamarín a causa da xestión que o goberno fai del. "Segundo varias persoas nos trasladaron, a matrícula mándase facer en Servizos Sociais, mais non se facilita ás persoas que a fan copia selada de resgardo de ter presentado a documentación, tal e como a lei exixe, baixo a escusa de non ser un rexistro oficial" relata o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Este servizo está xestionado por unha empresa privada que tamén se encargou de xestionar as inscricións. "O resultado desta practica é que hai varias persoas que non figuran nas listaxes facilitadas polo goberno local á empresa que xestiona o servizo, e polo tanto non están inscritas no servizo malia ter presentado a documentación en Servizos Sociais como indicou o goberno local" resume. "A efectos prácticos, fican excluídas do servizo cos problemas que isto leva para a conciliación, como se non se tomasen a molestia de ter solicitado a matrícula nel", reproba.
É urxente buscar unha solución, pero é imprescindíbel depurar responsabilidades
Para o BNG, "é urxente buscar unha solución a este feito posto de manifesto co inicio do curso escolar hai uns días". "Non pode ser que por perder uns papeis varias familias queden sen servizo nin un mes, nin un curso", relata. "Urxe unha solución e logo, obviamente, hai que depurar responsabilidades", puntualiza Del Río.
As nacionalistas demandaron ao goberno local unha "explicación" do suceso. Recordan que a área leva sendo dirixida pola actual alcaldesa desde hai sete anos e que non é o primeiro curso que o Concello xestiona o servizo. "Non hai excusas, alguén ten que se facer responsábel de darlle unha solución, e alguén terá que asumir a responsabilidade de deixar á xente sen servizo e mais de perder papeis con datos persoais confidenciais nalgún sitio entre o mostrador de Servizos Sociais onde se presentan e a empresa que dá o servizo" relata.