AS NACIONALISTAS ASUMIRON O COMPROMISO DE POÑER FIN ÁS CARENCIAS QUE O CENTRO EDUCATIVO PADECE NO ILLAMENTO TÉRMICO E ACÚSTICO E AS CARENCIAS DAS FIESTRAS E DO TENDIDO ELÉCTRICO.
Comprometémonos coa ANPA á reforma do IES Francisco Aguiar
“Para nós a educación pública é alicerce da sociedade democrática e ferramenta de cohesión social, de aquí que sexa prioritaria a súa atención” di Mercedes QUeixas, nº3 da candidatura do BNG ao Parlamento de Galiza
Betanzos, 11 de xuño de 2020. O BNG comprometeuse coa ANPA O Carregal a acometer a reforma dos edificios principais do IES Francisco Aguiar. Nunha xuntanza telemática na que participaron o portavoz municipal, Henrique del Río, a responsábel local, Amelia Sánchez, e a nº3 da candidatura nacionalista ao Parlamento, Mercedes Queixas, as nacionalistas asumiron o compromiso de poñer fin ás carencias que o centro educativo padece no illamento térmico e acústico e as carencias das fiestras e do tendido eléctrico.
“As fiestras son as orixinais, de cando se fixo o edificio nos 70, e en moitos lugares do edificio sequera pechan, cos problemas que provoca ao alumnado”, explica Del Río. A Xunta tan só cambiou unha parte das fiestras o pasado ano, aproveitándoas doutro IES no que si realizou unha reforma integral das instalacións.
A ANPA tamén trasladou ás nacionalistas a necesidade de substituír as actuais dependencias das “Porquerizas” (o edificio que foran cortes do antigo instituto laboral) por unhas aulas que cumpran cos estándares actuais de iluminación natural, confort e seguridade.
Carencias de persoal, comedor e servizos complementarios de educación
Outra das carencias que actualmente ten o centro son os servizos complementarios. “O alumnado que ten aulas en horario de tarde e non reside en Betanzos non conta cun comedor onde poder xantar, o cal, tendo presente que son rapazas de 12 anos, é un problema serio”, explican desde o BNG.
Do mesmo xeito, desde o BNG consideran que, debido ao volume de alumnado do centro (máis de 600 persoas), o IES debería contar con outro docente de pedagoxía terapéutica e unha segunda persoa para a área de orientación. “Nos últimos anos Betanzos está facendo un esforzo colectivo, desde o colexio, os centros, o concello e o asociacionismo de base, pola educación na diversidade e o Francisco Aguiar ten que ser unha parte activa neste reto colectivo, para o que precisa este persoal”, explica Del Río.
Neste sentido, Mercedes Queixas comprometeu que o BNG exixirá que a Xunta garanta estes servizos ao alumnado do centro. A candidata nacionalista salientou que “a educación pública é unha prioridade para o BNG, e se temos responsabilidades de goberno logo do 12 de xullo, desde logo todas estas cuestións que dependen da vontade política do goberno galego resolverémolas de contado”.
“Para nós a educación pública é alicerce da sociedade democrática e ferramenta de cohesión social, de aquí que sexa prioritaria a súa atención” engadiu Mercedes Queixas. Neste sentido, desde o BNG explican que “un ensino público, de calidade e galego é unha prioridade absoluta para nós, e para logralo atenderemos tanto as infraestruturas, como os recursos necesarios para garantir que o ensino público actúa como un instrumento de cohesión social axudando a superar as diferencias sociais, sexa con servizos complementares, bolsas e o que sexa preciso”.