Celebramos que se suprima á fin a ORA, tras anos demandándoo
“A supresión da ORA é unha boa noticia para todas, para a veciñanza e para o comercio de Betanzos. Desde logo, no BNG estamos moi orgullosas do traballo feito e da presión veciñal que conseguiu eliminar unha taxa da que só sacaba beneficio a empresa concesionaria”
“A supresión da ORA é unha boa noticia para todas, para a veciñanza e para o comercio de Betanzos. Desde logo, no BNG estamos moi orgullosas do traballo feito e da presión veciñal que conseguiu eliminar unha taxa da que só sacaba beneficio a empresa concesionaria”
Betanzos, 14 de novembro de 2017. O BNG amosou a súa satisfacción diante do anuncio efectuado polo alcalde de que hoxe propoñerá á xunta de voceiros a supresión da ORA. “Alegrámonos, despois de anos insistindo neste tema, parece que o PSOE entra en razón”, manifestou o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río.
As nacionalistas insistiron un ano máis neste asunto, dentro do lote de propostas presentadas ao alcalde o pasado 11 de outubro para facer máis xustas as ordenanzas fiscais do Concello. “As propostas son similares ás formuladas o pasado ano: unha modificación na ordenanza de terrazas para estimular a apertura de negocios no Casco Histórico, a equiparación dos descontos en todas as ordenanzas relativas a servizos culturais e educativos e a supresión dos alugueiros de salas culturais municipais, ademais de derrogar a ORA” indicáballe Del Río hai un mes ao rexedor.
“A supresión da ORA é unha boa noticia para todas, para a veciñanza e para o comercio de Betanzos”, explica o edil nacionalista. “Desde logo, no BNG estamos moi orgullosas do traballo feito e da presión veciñal que conseguiu eliminar unha taxa da que só sacaba beneficio a empresa concesionaria” engadiu. “Agardamos que sexa certo e que este anuncio poña fin definitivamente a este modelo inxusto e inzado de irregularidades”, concluíu.