O BNG levou a Pleno os verquidos ao Mendo na ponte de madeira do Carregal
Del Río: calquera persoa que coñeza os ríos identifica sen esforzo media ducia de puntos onde se producen verquidos aínda a día de hoxe"
Betanzos, 2 de maio de 2016. O BNG levou ao Pleno o verquido de augas fecais ao Mendo que tivo lugar o pasado domingo. Segundo relatou o voceiro nacionalista, varias persoas presenciaron o verquido desde as tubaxes que hai baixo a ponte de madeira no Carregal.
Segundo estas persoas, tratábase dunha boa cantidade de augas sucias, aparentemente procedentes da rede municipal de saneamento. Isto levou ao voceiro do BNG, Henrique del Río, a preguntar polo motivo e orixe deste novo verquido ao río.
Non era que xa non había verquidos ao río?, ironizou o nacionalista logo de que o goberno do PSOE respondese, a outra iniciativa plenaria, que non había fugas da rede de saneamento aos ríos. Semella que a pesar do que anuncie o goberno, os vertidos seguen a producirse engade, advertindo que calquera persoa que coñeza os ríos identifica sen esforzo media ducia de puntos onde se producen verquidos aínda a día de hoxe.
Se se continúan a permitir este tipo de sucesos, desde logo o da Reserva da Biosfera queda apenas nun eslogan turístico, lamenta o edil do BNG, que demanda ao goberno local un esforzo en conservar os ríos e poñer fin aos verquidos. Parece que non se é consciente de que mesmo para a saúde das persoas é preferíbel que os ríos baixen limpos en lugar de que sexan canles para cloacas, engaden as nacionalistas.