O BNG trasladará ao Pleno unha proposta para compensar á veciñanza e negocios pola contaminación da auga

Grupo Municipal do BNG

Amelia Sánchez: “Alén de non cobrar polo servizo este mes, urxe compensar os danos que se provocaron polo mal funcionamento dun servizo municipal básico"

O BNG trasladará ao Pleno unha proposta para compensar á veciñanza e negocios pola contaminación da auga

Betanzos, 30 de xuño de 2023.- O BNG presentará unha moción para establecer compensacións ás persoas e empresas afectadas polas restricións no subministro de auga durante todo o mes de xuño. "Vimos de comprobar como, contra o que anunciara a alcaldesa, a concesionaria da traída está a remitir a todas as casas a factura, cobrando por todo o mes de xuño como se o servizo se emprestase con normalidade", explicou a portavoz municipal do BNG, Amelia Sánchez.

As nacionalistas contemplan na súa moción establecer unha liña de axudas para as empresas que acrediten un prexuízo no mes de xuño a causa das restricións na traída debido á contaminación da auga. "Alén de non cobrar polo servizo este mes, urxe compensar os danos que se provocaron polo mal funcionamento dun servizo municipal básico", explica a voceira do BNG. “Non se lle pode cobrar á veciñanza por un servizo que non se prestou”, engadiu. 

Ademais, desde o BNG advirten que "queda visto que urxe, por unha cuestión xa de saúde pública, darlle a volta ao actual modelo de concesión da traída". Amelia Sánchez recordou que "vimos advertindo desde hai moitos anos da ineficiencia e dos fallos recorrentes que ten o actual modelo e isto veu, tristemente, poñer en evidencia que é urxente termos outro modelo". Neste sentido, apunta á "xestión directa por parte do Concello" como un modelo "máis eficiente, máis eficaz e onde, sobre todo, as tarifas da veciñanza repercuten directamente na mellora do servizo, na súa calidade, e non na conta de resultados dunha empresa privada". 

Actuacións estruturais na mellora da calidade da auga

Desde o BNG lembraron que a deputada nacionalista Mercedes Queixas ven de rexistrar unha iniciativa no Parlamento esixindo información das actuación de Augas de Galiza para controlar os verquidos aos ríos, concretamente no caso do Mendo no que se encontra a captación de auga de Betanzos. 

O BNG trasladará ao Pleno unha proposta para compensar á veciñanza e negocios pola contaminación da auga