Man tendida para o diálogo e a transparencia

Esperamos feitos que demostren a intención do PSOE de Betanzos de colaborar e introducir cambios en temas fundamentais para a veciñanza da nosa cidade

Man tendida para o diálogo e a transparencia

O pasado 28 de maio a veciñanza de Betanzos decidiu mudar o panorama político do noso concello. No BNG triplicamos a nosa representación e obtivemos 1439 votos, 3 concelleiras. As nacionalistas de Betanzos estamos fondamente agradecidas a todas e cada unha das persoas que depositaron en nós a súa confianza, trátase dun resultado histórico, mais que aínda non é abondo para poder encabezar o proxecto que leve a Betanzos a recuperar o papel referencial que tivo no seu pasado e cambiar por completo o modelo de cidade en que vivimos e a administración local.

Mais unha vez que a veciñanza elixiu, chegou o momento de tomar decisións que faciliten a formación dun novo goberno no noso concello. Nesta liña, a Asemblea Local do BNG de Betanzos tomou a decisión de negociar un acordo para apoiar a investidura de María Barral como alcaldesa, un acordo que significaría que se aplicasen mudanzas na liña do goberno do PSOE en temas fundamentais como o PXOM ou a xestión directa de servizos  básicos como o da auga. 

No BNG agardamos que o PSOE amose a súa vontade de chegar a puntos en común para que Betanzos teña un goberno estábel e dar un xiro cara a políticas de esquerda. Así mesmo, agardamos que asuma a transparencia e o diálogo coa veciñanza como unha das máximas que deben rexer o funcionamento do goberno. Se os compromisos da investidura se cumprisen, valoraremos no futuro a posibilidade dun pacto de goberno. A posibilidade da incorporación do BNG ao goberno estará en función da vontade de acordo do PSOE e do cumprimento posterior dos acordos de investidura. 

No BNG tendemos a nosa man para que Betanzos poida ter un goberno alternativo ao PP que foi a vontade maioritaria da veciñanza. Mais entendemos que os posíbeis acordos só poden chegar desde o diálogo, un diálogo que non amosou o PSOE ao longo de todo o anterior mandato, xa fose co BNG, xa fose coa veciñanza. Esta cuestión, a da falta de diálogo, é a que nos leva a non valorar directamente un acordo de goberno nestes momentos e a deixalo para un hipotético futuro. 

Esperamos feitos que demostren a intención do PSOE de Betanzos de colaborar e introducir cambios en temas fundamentais para a veciñanza da nosa cidade, temas como o cambio de modelo do PXOM e a redacción dun novo PEPOCH que promova a rehabilitación e posta en valor do Casco Histórico; a revisión das concesións como a da auga e un estudo para a xestión directa dos servizos básicos; ou cambios no modelo de subvencións, para garantir a igualdade no acceso aos recursos públicos.

No BNG esperamos que o PSOE lea os resultados que claramente castigaron a falta de proxecto e de capacidade, así como a actitude pouco transparente e pouco dialogante e tendémoslles unha man para un cambio que consolide un goberno alternativo ao PP e que sería o mellor para a nosa veciñanza.

Man tendida para o diálogo e a transparencia