Vivimos nunha sociedade que santifica o vehículo privado, convertido en símbolo de liberdade, autonomía persoal e éxito social. Un poderoso lobby empresarial que condiciona as políticas públicas. O deseño da rede viaria e das cidades estivo, durante décadas, ao servizo da ditadura do automóbil. Estradas que atravesan aldeas e cidades, como a N-VI ou a N-651, hostís para quen vive ao seu carón. Todo a medida do vehículo privado, para o que se seguen demandando ampliacións de estradas eternamente saturadas e son sacrificadas rúas, barrios e mesmo patrimonio.
A alternativa á situación actual exixe valentía política, mais é imprescindíbel facer que o interese colectivo prevaleza. Como exitosamente temos demostrado en Pontevedra e Allariz, tan semellantes á nosa cidade, cada unha na súa escala
Para facer fronte a esta tendencia cómpre un cambio de modelo: pensar primeiro nas persoas. Gañar espazos para outras formas de mobilidade máis amábel, como a peonil e a ciclista, moderar o tráfico e reducir a velocidade, apostar decididamente polo transporte público en lugar de fomentar como toda solución o coche particular. Un debate ao que Betanzos chega moi tarde. Aínda hoxe, PSOE e PP están debatendo se é necesario avanzar na peonalización de determinadas rúas do centro histórico, algo que nos últimos anos é unha realidade practicamente en todas as cidades europeas.
O espazo público é limitado. Cantos máis vehículos, menos persoas. Cantos máis coches estacionados nunha rúa, menos sitio para facer vida
No BNG témolo claro e levamos décadas apostando por este cambio de modelo que intentamos implantar cando tivemos responsabilidades de goberno en Betanzos. Neste sentido, o debate sobre o tránsito rodado na zona monumental non é se son abondo ou non 20 minutos para meter o vehículo diante dun comercio e facer unha compra. O debate é o modelo, a alternativa: seguir igual pero facendo ver que algo muda, alimentando polémicas sobre dez minutos arriba e abaixo, ou cambiar o que está probado que non funciona para recuperar o casco histórico.
O espazo público é limitado. Cantos máis vehículos, menos persoas. Cantos máis coches estacionados nunha rúa, menos sitio para facer vida. Cómpre entender os espazos públicos como lugares democráticos, escenarios da convivencia, cohesión social e dinamismo. Espazos públicos nos que ocupan o primeiro lugar as persoas, o colectivo, a accesibilidade universal. Lugares habitados polas voces de crianzas e polos cantos dos paxaros. Espazos de benestar social e da equidade.
No BNG témolo claro: só os cascos históricos que restrinxen o estacionamento teñen vida. Obviamente, atendendo as necesidades de veciñanza e negocios e habilitando espazos para residentes ou de carga e descarga onde sexa necesario; mais entendendo que o dereito ao espazo público é para todas e todos. A alternativa á situación actual exixe valentía política, mais é imprescindíbel facer que o interese colectivo prevaleza. Como exitosamente temos demostrado en Pontevedra e Allariz, tan semellantes á nosa cidade, cada unha na súa escala. A pregunta é que modelo eliximos: o de Allariz ou o de Mondoñedo?
Artigo publicado orixinalmente no xornal Betanzos e a súa comarca, que edita ACEBE-CCA, no número de xuño de 2025