Estamos convencidas de que Betanzos pode ser outra cousa. Unha cidade viva, dinámica, consciente do seu potencial, orgullosa da súa identidade. Un Betanzos que poña en valor a súa historia que se afirme no que nos fai diferentes: o Casco Histórico, o Pasatempo, Mandeo e Mendo, a ría, o viño e o repolo, ... para innovar e construír o futuro que merecemos.
Unha cidade con servizos públicos de calidade á altura das necesidades e exixencias da xente de hoxe: un centro de día público no antigo ambulatorio, actividades extraescolares municipais, un xeriátrico público comarcal, prazas suficientes de escolas infantís e colexios públicos,... Cunha biblioteca pública que aposte por actividades para as crianzas e cun horario adaptado ás necesidades do estudantado.
Un Betanzos máis integrador e con máis igualdade, acabando con actividades municipais que promoven roles sexistas e reclamando un centro de orientación familiar comarcal e apostando pola colaboración con asociacións e colectivos feministas da comarca.
Unha cidade máis verde, que triplique os xardíns existentes, que remate cos verquidos aos ríos e a ría e que poña a raia ás empresas contaminantes. Un novo modelo de xestión de residuos e extender a rede de saneamento a todo o Concello.
Apostamos pola participación veciñal, cun goberno que trate igual a todas as veciñas, entidades e empresas. Que faga cidade desde os barrios e as parroquias. Que democratice os medios de comunicación municipais e reabra Radio Betanzos como emisora comunitaria.
Mais todo isto non se pode facer desde a confrontación, senón desde a capacidade para liderar un proxecto que una á cidade ao redor deste horizonte común. No BNG sabemos facelo, estámolo facendo en vilas e cidades similares a Betanzos, como Ribadeo, Allariz ou Pontevedra.
Presentamos un proxecto integrador, un grupo humano cohesionado capaz de tender pontes e construír un novo proxecto de cidade. Unha cidade máis moderna e dinámica para vivir e traballar, que lidere a comarca e aposte polo propio para evitar ser outra vila dormitorio máis.
É o momento de apostar por un Betanzos verde, integrador, máis xusto e con máis igualdade. É a hora de construír o Betanzos do futuro, con ilusión e humildade mais tamén coas ideas claras. Coa forza de todas. Agora Betanzos!