O 10 de novembro estamos de novo diante dun proceso electoral por un motivo claro: pola irresponsabilidade, o tacticismo, os egos e a frivolidade co que actúan as forzas políticas estatais, nomeadamente PSOE e Podemos, que poñen por diante dos intereses da sociedade, e da necesidade de atender as demandas e os problemas sociais, os seus intereses partidistas particulares.
Temos a oportunidade de recuperar a representación, porque o que nos deixa de balance esta lexislatura é que Galiza sempre pode esperar, e ser a última carta da baralla. O 10N vai ser a oportunidade de que se fale dos problemas e demandas da sociedade galega, de que existan e se poñan enriba de mesa. Oportunidade de que a sociedade galega recupere, da man do BNG, voz propia no Congreso dos Deputados. No Congreso houbo e vai haber forzas políticas catalás, vascas, canarias, valencianas, cántabras...e Galiza tamén ten que estar.
Ten que estar para falar dos nosos problemas. Porque as deputadas da provincia da Coruña no Congreso falaron sobre Cataluña, Venezuela ou comisarías en Sevilla. Pero non esixiron fondos para que ría de Betanzos deixe de ser un sumidoiro ou a cesión gratuíta do antigo ambulatorio para abrir un centro de día ou para mellorar a seguridade viaria da Angustia á Ponte Vella.
O cambio de inquilino na Moncloa, non foi máis que unha mera alternancia para manter novas subas nas peaxes da AP9, negar a establecer negativa a unha tarifa eléctrica galega ou manter a LOMCE, a Lei Mordaza ou a Reforma Laboral.
Unha vella canción dicía que “os deputados galegos son moi ben educados, aquí falan e falan e en Madrid están calados”. Tal aconteceu con esa suposta “voz de Betanzos” que ían ser os concelleiros-senadores de PSOE e PP, foron a procesión dos caladiños.
Este país, esta comarca Betanzos precisan ter voz propia en Madrid, sen tutelas, sen someterse ás comenencias dos partidos españois. Que atenda os nosos problemas. Ese é o cambio real, facernos valer como país. Apostar polo propio. Desta vai!