O goberno local leva a este pleno unha proposta para devolverlle á anterior empresa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) a garantía do contrato, máis de 14500 euros, e arquivar o expediente sancionador que lle tiña aberto a unha empresa que deixou abandonados a usuarios, que segue sen pagar os soldos das súas traballadoras e que as mantiña traballando nunhas condicións lamentábeis e que provocou un sen fin de queixas sobre a súa xestión durante anos. No BNG estamos en contra porque pensamos que non se pode permitir que esta actitude mesmo inhumana con persoas maiores e dependentes lle saia gratis á empresa.
Mais no BNG pensamos que o problema vai moito máis alá dunha empresa ou outra, que é un problema de modelo, do propio sistema económico no que parece que todo vale para facer negocio. Desde o BNG defendemos durante anos en solitario no Pleno a xestión directa do SAF e acabar coas privatizacións do servizos sociais, o PP e o PSOE sempre estiveron en contra. Agora por desgraza estamos vendo as consecuencias deste sistema onde todo se compra e se vende, onde calquera cousa é fonte de negocio, e estámolo vendo con toda a dureza nas residencias de maiores e todo o relacionado coa xestión da crise sanitaria do coronavirus. A Xunta viuse obrigada a intervir residencias privadas diante do desastre provocado pola privatización, pola busca do negocio en lugar de garantir a calidade do servizo.
Esta pandemia, esta situación sanitaria gravísima, debera servir para darnos moitas leccións e esta é unha delas. Os servizos non poden ser un negocio, non todo se pode comprar e vender. A atención a persoas maiores e dependentes, os coidados, non poden converterse en fonte de beneficios. As traballadoras de residencias, de servizos sociais, de axuda no fogar non teñen que ser heroínas o tempo que dura a pandemia e volver a unhas condicións lamentábeis para que os empresarios medren a conta de beneficios. Se esta crise nos vale para darnos conta de que temos moito que cambiar, esperamos que niso consista a “nova normalidade”. O 12 de xullo temos a primeira oportunidade para empezar a cambiar. Aproveitémola!