Desde febreiro de 2017 o Concello quedou sen contrato para o servizo de retirada de vehículos na vía pública, o guindastre. Cando as veciñas chamamos aos servizos municipais pedindo que se retiren coches sobre beirarrúas, diante de portas ou sobre vados que impiden circular con normalidade, dísenos que non hai guindastre para retiralos.
A pesar de que o goberno local anunciara, cando se puxo fin ao contrato de ORA e guindastre, que seguiría dando o servizo. A pesar de que anunciou na prensa que non había problema ningún e que seguían prestando o servizo. E a pesar de que o goberno asegurou no Pleno que encargaba as retiradas a unha empresa de Betanzos. Mais a realidade é que non é así. E desde febreiro de 2017 non vemos que o goberno do PSOE puxese solución a este problema.
O Concello ten, conforme ao contrato extinguido coa empresa da ORA, un vehículo guindastre da súa propiedade. Ten persoal para facer o traballo ou ten posibilidade de contratar persoal para facelo, porque a ordenación do tránsito rodado é un servizo obrigatorio para un concello coma o noso, por ter precisamente Policía Local para este fin. Pero o goberno local non quere que sexa o propio Concello quen preste o servizo.
Deixouno claro este pasado mes de agosto no Pleno o PSOE, ao votar en contra de poñer en funcionamento un servizo público de retirada de vehículos porque o problema, segundo afirmaron, é que sexa público xa que non valoran outra opción que non sexa a nova privatización do servizo.
No BNG temos a sensación de que o goberno local tentou gañar tempo con esta situación, sen buscar ningún tipo de solución, para provocar un escenario que levase a asumir á veciñanza que non hai alternativa posible ao contrato de ORA e guindastre inzado de irregularidades que se extinguiu en febreiro do pasado ano. E no que chega ese escenario, somos as veciñas quen estamos a pagar as consecuencias deste modo de actuar do goberno local, soportando todo tipo de prexuízos a diario.
Unha situación, por certo, idéntica a outros servizos municipais, como a limpeza viaria ou o cemiterio, onde o PSOE a mantenta non mantén o persoal municipal- que di que non pode contratar aínda que logo contrate persoal como o patrón da lacha municipal, sen cartos e sen praza creada- para poder entregar servizos esenciais á empresa privada atendendo, non ao interese xeral das betanceiras, senon ao seu cálculo electoral. Aínda que supoña dar peor servizo e que nos saia máis caro ás veciñas.