As ordenanzas fiscais son unha oportunidade para repensar as políticas municipais desde unha óptica progresista, con taxas que teñan en conta a capacidade económica das persoas á hora de cobrarlle. Unhas taxas municipais xustas porque fagan pagar máis a quen máis ten, para garantir servizos a quen menos ten.
Por iso propuxemos un recargo no IBI á segunda vivenda (baleira) e por iso vemos necesario obrigar á concesionaria da piscina e o polideportivo a non cobrar polos días que pecha. Queremos subir o que pagan eléctricas, telefónicas e outras grandes empresas de servizos por usar as nosas rúas, aire e fachadas para os seus negocios. Que paguen máis os bancos que usan a rúa para facer negocio cos seus caixeiros, ou as terrazas do Campo que se benefician de canto o Concello organiza nesa praza cos cartos de todas.
Así poderíamos beneficiar algúns colectivos que o precisan moito máis, facendo descontos na contribución para vivendas sociais e de promoción oficial ou ás explotacións agropecuarias, ou descontar parte da taxa de terrazas no Casco Histórico, para favorecer a apertura de novos negocios. Ou establecer os mesmos descontos para estudantes, mocidade, persoas desempregadas, pensionistas ou vítimas de violencia machista nas tarifas dos servizos educativos, culturais e deportivos.
Aproveitemos para derrogar taxas inxustas, como a da ORA, que permitiu até agora a unha empresa privada cobrarnos por aparcar nas nosas rúas. Taxa inxusta socialmente, porque cobra igual a un millonario cá unha desempregada e prexudicial para o noso comercio, que ten que competir con grandes superficies que dan aparcamento gratis. Levamos anos demandando mudar a ORA por un sistema gratuíto de rotación do estacionamento. Agora que o Pleno cancelou por fin a concesión, o lóxico é dar tamén por finalizada a taxa.
Se algo non son as ordenanzas fiscais -os impostos-, é algo técnico; ao contrario, son do máis político e ideolóxico que un Concello pode facer. Decidir cobrar a unhas ou outras non é inocente, responde a unha forma de entender o público e a sociedade. No BNG estamos convencidas de que os impostos municipais son claves para a redistribución da riqueza por iso defenderemos sempre uns tributos municipais máis xustos.
Artigo publicado no xornal "Betanzos e a súa comarca" en decembro de 2016