Dous anos despois, que cambiou?
"Exactamente en que mellorou Betanzos estes dous anos desde as eleccións municipais? No BNG temos un proxecto de cidade fronte a un goberno local que non ten ideas"
"Exactamente en que mellorou Betanzos estes dous anos desde as eleccións municipais? No BNG temos un proxecto de cidade fronte a un goberno local que non ten ideas"
Pasatempo, concesións municipais, escola infantil, Casco Histórico, servizo de limpeza, radio Betanzos, biblioteca infantil, servizo de xardíns,… Exactamente en que mellorou Betanzos estes dous anos desde as eleccións municipais?
Nos servizos municipais todo son escusas por parte do goberno para seguir privatizando, sexa a limpeza, os xardíns, o cemiterio ou o mantemento das rúas. Mentres se contrata persoal para as festas ou para levar a lancha municipal, os servizos básicos e diarios pasan á empresa privada. No BNG defendemos a xestión directa e contratar persoal nos servizos esenciais.
O patrimonio, que tiña que ser a oportunidade de desenvolvemento, riqueza e emprego para Betanzos, convertido nun problema. Segue todo igual: anuncios de plans inconcretos para o Pasatempo e o Casco Histórico, que para nós é a locomotora que ten que tirar do progreso de Betanzos, segue a caer. Non ten o goberno local do PSOE alternativa alén do raca-raca coa Xunta do PP por ver quen fai menos.
No BNG temos un proxecto de cidade fronte a un goberno local que non ten ideas
No tráfico outro tanto: rúas atoadas por tolerar o estacionamento sobre beirarrúas ou dobres fileiras, colapso sen alternativas, reprivatización da ORA, reconversión das rúas do Casco Histórico nun estacionamento… Nós defendemos que a mobilidade peonil ten que ser a primeira en orde de importancia, pensar a cidade para as persoas, non para os coches. E que o Casco Histórico ten que ter as rúas peonalizadas para poder desenvolver completamente o centro comercial aberto, que dea alternativa de futuro ao pequeno comercio, que dea vida ás rúas e devolva xente ás casas hoxe ruinosas.
No BNG temos un proxecto de cidade fronte a un goberno local que non ten ideas. O único proxecto do goberno local é seguir na cadeira como sexa, a costa do que sexa, e agardar que siga pasando o tempo. E hai outros grupos que llo consinten.
Temos un proxecto para Betanzos. Posta en valor do patrimonio, sexa o Casco Histórico e o Pasatempo, sexa o medio natural. Un proxecto que pasa polo pequeno comercio como alternativa sustentábel de futuro e apoiándonos nos produtos de proximidade.
Unha aposta polo propio, polo que nos fai diferentes, polo que nos pon no mapa, non un día dunha feira ou un evento, senón todo o ano. Para poder vivir e traballar aquí, na propia terra. Contando coa xente, abandonando o pasotismo, a deixadez, o escurantismo de non informar á veciñanza do que se fai cos seus cartos e o oportunismo que leva a gobernar unha cidade como esta sen proxecto e a golpe de ocorrencia.
Artigo publicado orixinalmente no xornal "Betanzos e a súa comarca" en maio de 2017