Defendamos os servizos públicos, aquí e agora

Defendamos os servizos públicos, aquí e agora

Na defensa dos servizos públicos coincidimos, en teoría, todos os partidos. Até o PP di defender o Estado de Benestar e os servizos públicos, aínda que sexa privatizándoos. Criticar os recortes en sanidade e educación, da Xunta e do Estado é moi doado, si, pero ver máis cerca, os servizos municipais, hai a quen se lle atoa.

A defensa dos servizos públicos no Concello exixe buscar todas as posibilidades para contratar persoal e prestar uns servizos de calidade, e non optar polo fácil: privatizar servizos (como ven facendo nos últimos anos o PSOE local) ou deixar de prestalos. Semella que as restricións á contratación de persoal postas polo PP no Estado valen para xustificalo todo, mentres se apoia estes días o PP para que siga impoñendo recortes e prohibindo contratar persoal. Vexamos algúns exemplos:

A escola infantil municipal de San Francisco. Trasladamos de novo ao Pleno a falta de persoal para atender correctamente as nenas, esta vez por unha xubilación. O PSOE xustifica esta situación pola imposibilidade de contratar persoal motivada pola lei estatal do PP. Mais non tivo problemas o PSOE para contratar a patroa para a lancha municipal, saltándose as leis do PP, en insubmisión. Desde o BNG pensamos que se se pode facer para contratar unha patroa de lancha máis motivos hai para garantir un servizo de calidade na escola infantil.

Demos a nosa palabra de defender uns servizos públicos de calidade sen escusas, rebaixas nin medias tintas

O goberno prefire solucionar o problema ao longo do primeiro trimestre de 2017,  como se a seguridade das cativas e as xornadas maratonianas das docentes non importasen.

A ORA.  Tras uns anos de denuncias do BNG das irregularidades na ORA, e de reclamar a fin do estacionamento de pago nas rúas, o Pleno acorda rescindir o contrato. Pero o PSOE anuncia que privatizará novamente a ORA debido, como non, á imposibilidade de contratar persoal para a vixilancia do aparcamento e o guindastre.

Non é lóxico contratar unha empresa privada que saque beneficio cobrando por igual a todas por aparcar nas nosas rúas, sen ter en conta a renda. Nós defendemos un sistema de rotación do tráfico gratuíto e público.

Non pode usarse de escusa unha lei do PP para recortar e privatizar os servizos mentres se apoia a investidura dese mesmo PP para que siga facendo o mesmo. No BNG presentámonos ás municipais dando a nosa palabra de defender uns servizos públicos de calidade sen escusas, rebaixas nin medias tintas. E mantémonos na palabra dada hai un ano.


Artigo orixinalmente publicado no xornal "Betanzos e a súa comarca", editado por ACEBE-CCA, en novembro de 2016

Defendamos os servizos públicos, aquí e agora