Desde o BNG levamos anos defendendo que os servizos públicos deben ser xestionados directamente pola administración pública e a situación que vivimos actualmente coa pandemia e a crise económica derivada da covid 19 ven darnos a razón. Un dos exemplos témolos na xestión da traída da auga e da rede de sumidoiros, que xestiona desde hai anos Viaqua (antes Aquagest, até que o escándalo dunha suposta trama corrupta de favores, aconsellou un cambio de nome). O contrato con esta empresa chega este ano ao seu fin e no último Pleno do ano o goberno local do PSOE prorrogou o contrato coa actual empresa concesionaria destes servizos e, a continuación, propuxo realizar unha suba dun 2% da factura das usuarias.
É este o momento de subir o prezo dun subministro esencial e básico? Nós cremos que non. Calquera betanceira pode comprobar as súas facturas e ver como estas incrementaron a súa contía nos últimos anos (subas de case o 50% en oito anos). Se falamos de negocios de hostelaría e servizos, grandes consumidores de auga, este incremento sería sumamente prexudicial, máis se cabe, nun momento como o que estamos a vivir. Defenderemos sempre os intereses da poboación de Betanzos e estes intereses van en contra da suba dun servizo básico, universal e que, hoxe por hoxe, resulta sumamente deficiente.
No BNG levamos anos trasladando ao Pleno os múltiples problemas de funcionamento deste servizo: a turbidez da auga, as roturas periódicas dunha rede antiga e abandonada e a mala atención que se ofrece ás usuarias nas oficinas cando acoden a solucionar as súas dúbidas. Por iso non comprendemos o interese en prorrogar este contrato. Máxime cando é o documento que serve para auspiciar a suba do custo destes servizos.
En definitiva, desde o BNG pensamos que este é o momento para recuperar a xestión directa dos servizos públicos. Porque o que xusto esta crise nos demostra é que as empresas só buscan incrementar os seus beneficios, subindo os prezos mesmo no momento máis difícil para todas nós. Os servizos públicos esenciais non poden depender das marxes de beneficios e pedimos, por tanto, ao goberno que rectifique e que defenda o que nos seus programas electorais di defender: uns servizos públicos de calidade para toda a veciñanza.