Setembro: volta ao cole e volta aos vellos problemas
Este inicio de curso outra cuestión que dificulta a vida nos centros saíu á luz: a carencia de profesorado e, en especial, de profesorado de reforzo
Este inicio de curso outra cuestión que dificulta a vida nos centros saíu á luz: a carencia de profesorado e, en especial, de profesorado de reforzo
Nestes días está a ter lugar a volta ao cole. O alumnado e o profesorado galego inician un novo curso, mais para o estudantado e as docentes betanceiras repítense as problemáticas dos cursos anteriores.
No noso concello, o ensino público artéllase a través de tres centros de ensino: o CEIP Vales Villamarín e os IES Francisco Aguiar e As Mariñas. Trátase de tres centros cun número moi elevado de estudantes e con graves problemas que lles afectan tanto a nivel infraestrutural como de dotación de persoal.
Estes problemas teñen sido obxecto do debate político ao longo dos anos, de maneira reiterada témoslle trasladado á Xunta de Galiza as graves carencias que lles afectan aos tres centros, coñecidas por toda a comunidade escolar. Desde o BNG temos esixido que se desenvolva a segunda fase da reforma do Vales Villamarín, que se amañen os problemas das cubertas do polideportivo do centro ou que se acometa a tan necesaria ampliación do comedor da escola (a última vez o pasado 5 de setembro). Da mesma maneira, temos solicitado melloras nos institutos, incluíndo a solución do problema das porquerizas do Aguiar ou da cuberta con amianto das Mariñas. Vellos problemas que non teñen atopado solución nos orzamentos da Xunta.
Mais este inicio de curso outra cuestión que dificulta a vida nos centros saíu á luz: a carencia de profesorado e, en especial, de profesorado de reforzo. Neste mesmo xornal, o mes pasado, a Dirección do Francisco Aguiar expresaba a súa preocupación pola supresión dunha praza de profesorado de reforzo (a pesar de ter solicitado a contratación de máis docentes).
Trátase doutro problema enquistado na totalidade do ensino público galego: a carencia de persoal suficiente para atender o alumnado con necesidades especiais de apoio educativo, un alumnado que constitúe o elemento máis fráxil do sistema e a quen a Xunta de Galiza esquece de maneira reiterada.
No BNG desenvolvemos senllas iniciativas no pleno municipal e no Parlamento galego para que mude esta situación e se dote ao Aguiar, mais tamén ao Vales e ás Mariñas de todo o profesorado necesario para desenvolver con éxito o proceso de ensino-aprendizaxe e para garantir que o alumnado con necesidades especiais é atendido como merece.
Porque un ensino público de calidade, inclusivo e integrador só se consegue se se poñen na mesa os fondos e o persoal necesario para atender todas as casuísticas e non deixar a ningún neno nin nena atrás.