Propósitos de ano novo: o Betanzos que desexamos
No BNG queremos poñer Betanzos en marcha de novo e contamos con toda a veciñanza para realizar o noso desexo. Oxalá os nosos propósitos se tornen realidade.
No BNG queremos poñer Betanzos en marcha de novo e contamos con toda a veciñanza para realizar o noso desexo. Oxalá os nosos propósitos se tornen realidade.
Coa fin do ano 2022 e coa chegada do ano novo, todos e todas adoitamos facer balance e realizar a nosa listaxe particular de desexos para o ano que se inicia. No BNG de Betanzos non iamos ser menos e tamén nos puxemos mans á obra cos nosos propósitos para o noso concello neste 2023 que se inicia.
No BNG pedímoslle ao 2023 que Betanzos recupere o seu papel de cabeceira comarcal, que as betanceiras non teñan que desprazarse ducias de quilómetros para realizar os seus trámites burocráticos e administrativos e que teñan á súa disposición os servizos que necesitan para desenvolver a súa vida diaria. Sabemos que, de se cumprir este desexo, o noso comercio local se verá beneficiado e poderá desfrutar dos beneficios de sermos unha vila de referencia para a actividade comercial e de servizos na comarca.
Ao 2023 pedímoslle que o noso patrimonio poida ser desfrutado novamente en todo o seu esplendor. Desexamos firmemente que os proxectos para rehabilitar o Pasatempo se materialicen. Así mesmo, que dunha vez por todas se dean os pasos necesarios para que o noso casco histórico volva a ser un lugar vivo, en que as vivendas ruinosas retomen o seu aspecto orixinal e cheo de familias que lle dean vida, para así se converter no motor de desenvolvemento económico do noso concello e da comarca das Mariñas. Tampouco nos esquecemos da Fábrica da Luz, que ansiamos ver convertida nun centro de reunión e de desfrute da veciñanza da Madalena, da Condomiña e da Ribeira.
E, se falamos de patrimonio, como esquecer o noso patrimonio natural. Desexamos que neste 2023 a nosa ría e os nosos ríos deixen de ser cloacas e vexan concluído o seu saneamento. Betanzos é unha cidade situada entre ríos que se debe abrir a eles. Oxalá no novo ano, as betanceiras e os betanceiros poidamos gozar do noso medio natural desde o punto de vista paisaxístico, produtivo e turístico.
Ansiamos un concello integrador con todas as realidades, en que os todos os nenos e nenas, máis alá das súas características físicas, poidan xogar nos parques; un concello que ofreza un aspecto limpo e que convide á súa veciñanza e aos foráneos a pasear; un lugar de referencia pola súa actividade cultural e deportiva.
En definitiva, no BNG non desexamos nada máis nin nada menos que o que a maioría das betanceiras queren: que o noso concello sexa un lugar amábel para vivir, un municipio integrador e respectuoso co entorno en que se localiza, en que a veciñanza poida levar unha vida tranquila e desfrutar do patrimonio natural e histórico e onde o comercio e o pequeno empresariado recupere o seu papel puxante. Estamos convencidas de que Betanzos merece máis. No BNG queremos poñer Betanzos en marcha de novo e contamos con toda a veciñanza para realizar o noso desexo. Oxalá os nosos propósitos se tornen realidade.
Betanceiras e betanceiros, feliz ano novo.