Merecemos unhas instalacións educativas dignas
A nosa infancia e a nosa mocidade merecen unha educación de calidade en centros educativos de calidade. Merecen máis.
A nosa infancia e a nosa mocidade merecen unha educación de calidade en centros educativos de calidade. Merecen máis.
Todas estaremos de acordo en que a educación é un dos piares básicos que sosteñen a nosa sociedade e que as nenas e nenos de Betanzos, e da nosa comarca que acoden aos centros de Betanzos, merecen un ensino público digno que se desenvolva nunha instalacións adecuadas ás necesidades pedagóxicas, seguras e confortábeis.
Porén, non é iso o que estamos a atopar a día de hoxe. No noso concello contamos con tres centros públicos: o CEIP Vales Villamarín e os IES As Mariñas e Francisco Aguiar. Nos tres casos poderiamos cuestionar se contan co persoal necesario para atender todas as necesidades do seu alumnado, mais no caso do Vales e do Aguiar deben facer fronte, asemade, a problemáticas que teñen a ver coas súas instalacións.
Como é ben sabido, falamos de centros de varias décadas de antigüidade e que, por falta de mantemento, afrontan serias deficiencias. No IES Francisco Aguiar o alumnado e o persoal utilizan un edificio mal illado, en que se instalaron unha ventás de segunda man traídas doutro centro en que xa non eran válidas, aínda que o principal problema que deben asumir é o estado das porqueirizas. Quen estudamos no Aguiar lembramos o estado desa edificación, con paredes que se desfán e cunha instalación eléctrica que non superaría ningunha inspección de seguridade. É alí onde a nosa mocidade recibe clases de Tecnoloxía, de Debuxo ou dun ciclo profesional.
Sobre o Vales Villamarín, logo dunha primeira fase de reforma integral, a Xunta do Partido Popular esqueceuse de facer un novo investimento e deixou a metade do alumnado cunhas temperaturas que imposibilitan dar clases nos días máis fríos, cunha instalación de iluminación e de calefacción obsoleta e cun comedor cun espazo francamente limitado para atender a todo o alumnado que fai uso do servizo.
A Xunta de Galiza anunciou en 2021 a creación do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, dotado con 191 millóns de euros e destinado a mellorar as instalacións dos centros de educación públicos de Galiza, incluíndo tanto centros de nova construción como ampliacións, rehabilitacións integrais, obras en fachadas e cubertas e intervención varias.
No BNG cremos firmemente que a situación de elevado deterioro, incompatíbel coas necesarias garantías dunha calidade educativa merecente de tal nome, que presentan o CEIP Francisco Vales Villamarín o IES Francisco Aguiar de Betanzos debe reverterse canto antes e que ambos os centros deben ser incluídos no Plan de Nova Arquitectura co fin de renovar por completo as súas instalacións.
A nosa infancia e a nosa mocidade merecen unha educación de calidade en centros educativos de calidade. Merecen máis.