No Monte do Gato e en Cesuras, como no resto do país, están tramitándose varios parques eólicos que van afectar, tanto polo seu impacto como polas liñas de alta tensión, a moitos dos concellos da comarca, incluído Betanzos.
O modelo depredador do PP favorece ás grandes empresas eléctricas, que buscan o maior beneficio ao menor custo. Espoliar a enerxía eléctrica para exportala sen ter en conta a destrución do noso patrimonio ou das aldeas. Deixando, no mellor dos casos, unha renda ridícula por arrendar un monte para dar beneficios millonarios en empresas que tributan e levan para Madrid a enerxía. Sen crear emprego e riqueza aquí, reducíndonos a ser a pila do centralismo madrileño.
Na zona urbana da nosa comarca hai veciñanza que sofre caídas de tensión, que non pode prender a calefacción eléctrica ou a vitrocerámica. Mentres, padecemos a falta dun subministro adecuado, cóbrasenos a enerxía a prezo de ouro, máis caro que en ningunha outra zona do Estado e sufrimos o impacto da súa produción.
No monte do Gato dúas empresas, Greenalia e Galenergy, proxectan instalar 40 muíños de 200 metros de alto -8 veces a altura do globo de Betanzos- nun dos montes senlleiros da nosa comarca. Trátase dun macroparque eólico que, facendo trampas coa normativa, a Xunta permite que se tramite en anacos. Evitan, así, unha avaliación conxunta para muíños de vento, liñas de alta tensión, subestacións, pistas de acceso, desmontes e demais.
Neste lugar temos un tesouro que os nosos devanceiros nos legaron: petróglifos, un dos maiores conxuntos de mámoas do país; e un dos poucos castelos suevos, a Torre de Teodomiro, que chegaron aos nosos días. Un patrimonio que, posto en valor e sumado aos valores naturais dese entorno, aportaría moito máis ao desenvolvemento da comarca.
O PP na Xunta cala, porque alenta este modelo depredador, e nos concellos defende diferentes posturas para tentar evitar que o modelo que o promove lle traia un custo electoral. O de menos parece ser a defensa do País e da veciñanza que os apoiaron e ás que se deben.
Desde o BNG estamos a favor da enerxía eólica, mais non así. A favor dun modelo sustentábel, xusto e ao servizo do desenvolvemento do País. Hai outra maneira de facer as cousas: planificar os parques eólicos onde non poñan en perigo o medio, o patrimonio e a vida cotiá. Facer que deixen no país parte dos seus beneficios para que repercutan nos servizos- sanidade pública, prestacións- e na mellora da vida das galegas. Precisamente o modelo do concurso eólico que impulsamos no bipartito e que o PP tombou para promover esta lei da selva de eólicos para beneficiar as empresas en que acaban as súas exconselleiras.