Unhas festas para todas as betanceiras
As betanceiras merecemos desfrutar das nosas festas e merecemos que os nosos representantes promovan a convivencia harmónica da veciñanza
As betanceiras merecemos desfrutar das nosas festas e merecemos que os nosos representantes promovan a convivencia harmónica da veciñanza
As festas de San Roque, como todas as festas patronais de calquera lugar do noso país, son un lugar para o encontro e o desfrute. Un lugar común, que vai máis alá de crenzas, de ideoloxías ou de calquera opinión individual ou colectiva, son un momento de unión e de goce colectivo para todas as persoas.
No BNG non esperabamos ter que dedicar nunca un artigo a falar desta cuestión, mais a realidade que vivimos nas últimas semanas superou calquera idea que puideramos ter. E é que houbo quen, propositadamente, quixo utilizar ese elemento de unión que son as NOSAS festas, para enfrontar a veciñanza, quixo converter os veciñas e veciñas en inimigos, e para nós iso é inaceptábel.
No BNG estamos moi orgullosas do avance social que supón a supresión da raíña das festas e a súa substitución pola de representante. Unha modificación que adapta un acto sexista, anacrónico e clasista aos tempos nos que vivimos. Conseguimos un avance e estamos moi orgullosas de dicir que fomos claves nesa mudanza, nese paso cara adiante. E non nos ocultamos porque dicimos o que facemos e facemos o que dicimos.
E como dicimos o que facemos, tamén dicimos que desde o BNG sempre defendemos un elemento de unión e orgullo para todas as betanceiras como é o globo de Betanzos. Dunha forma completamente infundada e só buscando sacar rédito político numerosas persoas do entorno da dereita insinuaron publicamente que non se ía construír o noso globo e sinalaron como culpábel ao BNG. Crisparon a sociedade betanceira e animaron unha agresividade na rúa nunca antes vista en Betanzos.
A día de hoxe, toda a veciñanza de Betanzos ten claro o que aconteceu: houbo quen non asumiu o lexítimo resultado electoral e tomou represalias polo que pasara. A dereita castigou a todos e todas as betanceiras para intentar sacar un rédito político. Sobra dicir que o BNG defende e defenderá que o globo é de todas e todos os veciños e veciñas, e que non se pode utilizar como arma política.
Isto non pode volver pasar. Non se pode alimentar a crispación para deslexitimar o que é democraticamente indiscutíbel e non se poden volver utilizar os elementos do noso patrimonio (eses elementos que son propiedade de todas) como arma.
As betanceiras merecemos desfrutar das nosas festas e merecemos que os nosos representantes promovan a convivencia harmónica da veciñanza. Este ano as festas de San Roque serán diferentes mais convidámosvos, a todos e todas, a vivilas desde a unidade e a non-confrontación.
Betanceiras, boas festas!