O BNG, a voz de Galiza en Europa
O escano do BNG será o escano do País, o escano que represente os dereitos do noso pobo e que traslade as necesidades do noso territorio e das nosas xentes ao Parlamento Europeo
O escano do BNG será o escano do País, o escano que represente os dereitos do noso pobo e que traslade as necesidades do noso territorio e das nosas xentes ao Parlamento Europeo
As galegas e galegos volvemos estar chamados ás urnas e, nesta ocasión, escollemos as persoas que nos van representar no Parlamento Europeo. Trátase dunha cita electoral que observamos desde a distancia, mais que é sumamente importante, son unhas eleccións en que Galiza e as galegas nos xogamos moito. Betanzos e a comarca das Mariñas tamén decidimos o noso futuro.
Nesta cita, votamos a maneira en que se vai pensar Galiza en Europa. Votamos a maneira en que se vai xestionar a realidade galega no Parlamento Europeo. Porque é alí onde se toman decisións a respecto dos sectores produtivos, da política agraria común que tanto lles afecta ás nosas gandeiras e labregas, que non ten en conta a realidade do sector agrogandeiro galego e que pon por diante aos grandes terratenentes fronte ás pequenas e medianas explotacións; a respecto do declive industrial que vive o noso territorio, cunha política industrial centrada no espolio dos nosos recursos naturais e que non xera riqueza no propio territorio galego; e, tamén, a respecto da nosa relación co medio ambiente, pois é a Unión Europea a que pode garantir que o goberno aposte polo saneamento e rexeneración das rías galegas –entre elas, a ría de Betanzos.
Os galegos e as galegas saben que a voz do BNG, a voz de Ana Miranda, foi a que levou as problemáticas do noso país a Bruxelas nas pasadas lexislaturas. Se en Bruxelas se falou de Angrois, do espolio eólico ou das problemáticas da pesca foi porque o BNG estivo alí, porque esa é a nosa máxima, trasladar as necesidades do pobo galego ás institucións.
E, asemade, as galegas e os galegos poden estar seguros de que o escano do BNG tamén servirá para construír unha Europa antifascista, que defenda a democracia, os dereitos e as liberdades; afastándonos dos discursos do odio que se están a alimentar desde a dereita e a extrema dereita.
O escano do BNG será o escano do País, o escano que represente os dereitos do noso pobo e que traslade as necesidades do noso territorio e das nosas xentes ao Parlamento Europeo. Porque se o BNG está, Galiza terá a súa propia voz en Europa.