Betanzos nun constante Día da Marmota
Despois de anos e mesmo décadas de anuncios, a situación da liña de tren que atravesa Betanzos é cada vez peor, con menos conexións e, como consecuencia, menos usuarios
Despois de anos e mesmo décadas de anuncios, a situación da liña de tren que atravesa Betanzos é cada vez peor, con menos conexións e, como consecuencia, menos usuarios
Estas últimas semanas puidemos observar na prensa como o goberno do Estado, do PSOE e Unidas Podemos, volvía a anunciar o seu compromiso de efectuar melloras na liña de tren A Coruña – Ferrol, que comunica Betanzos con estas dúas cidades. Máis concretamente co xa famoso, e mil veces publicitado, bai-pass ferroviario para que os trens non teñan que ir dar a volta a Betanzos Infesta.
Despois de anos e mesmo décadas de anuncios, a situación da liña de tren que atravesa Betanzos é cada vez peor, con menos conexións e, como consecuencia, menos usuarios; algo lóxico se temos en conta que non se realizou nela ningunha mellora desde que se inaugurou, hai máis de cen anos. Iso si, levantámonos días e días lendo nos medios de comunicación o compromiso dos diferentes gobernos con este investimento.
Un constante Día da Marmota de anuncios que levamos lendo anos e que nunca se materializan. Máis non é o único caso de anuncios que fican en papel mollado. Vexamos algúns exemplos que se repiten constantemente nos medios entre anuncios do goberno local. Lembremos por exemplo a Casa Gótica, pasaron 13 anos desde o seu derrubo en 2008, neste tempo non pasou un ano sen ler anuncios nos medios de comunicación sobre a súa inminente recuperación. A realidade é que segue na mesma situación en que estaba no ano 2008, sen expropiar, sen orzamento para facelo, sen proxecto para recuperala nin para poñela en valor.
Outro exemplo claro é O Mandeo 50, o polémico edificio da Rúa do Mandeo que leva parado décadas e que ciclicamente lemos que está en vías de solución. Mentres o edificio se deteriora paso a paso (co perigo que isto conleva), nada se fai na realidade.
As mil veces anunciado e prometido Plan de Mobilidade (tamén coñecido como enquisa de circulación no Casco Histórico ou Plan de párquing expres), o xa famoso centro de día do que levamos anos escoitando falar e que segue sen estar sequera en proxecto, a estación de autobuses, o amaño da concesión do hotel, a reapertura da radio... Un Día da Marmota constante de anuncios propagandísticos sen nada detrás, que ocasiona continuos gastos orzamentarios e que contribúe ao progresivo proceso de decadencia en que está inmerso o noso concello ano tras ano.
Vai sendo moita hora de que o goberno se deixe de anunciar e empece a facer, pois son xa corenta anos de goberno socialista. Máis feitos e menos palabras!