A AP9 é a vía de comunicación que vertebra a Galiza atlántica de norte a sur, une a maior parte da poboación galega, así como a actividade económica do noso país. Mais a pesar da súa importancia ten unhas tarifas desorbitadas que teñen que soportar a diario arredor de 22.000 galegos e galegas, sendo as abusivas peaxes un verdadeiro lastre para a economía tanto das persoas como das empresas galegas.
Cómpre lembrar que a concesión desta autoestrada remataba en 2013 e que esta foi ampliada polos distintos gobernos do Estado -tanto de González como de Aznar-. A maiores, en 2003, o goberno de Aznar vendería, co beneplácito da Xunta -da que era conselleiro de Ordenación do Territorio Núñez Feixóo-, a autoestrada por un prezo ridículo.
Isto dá lugar a unha situación fondamente discriminatoria, pois as galegas sufrimos as consecuencias dunha das concesións máis longas da historia do estado, pagamos unha das autoestradas máis caras da península, coa consecuente perda de competitividade para as empresas e un gorentoso negocio para a concesionaria -cuns beneficios de máis de 400.000 euros diarios-.
Desde o BNG levamos anos loitando para poñerlle fin a esta estafa. Por fin, o 2 de febreiro deste ano o Congreso aprobou, por ampla maioría, a toma en consideración da Lei de Transferencia de Titularidade e Competencias da Autoestrada AP9, despois de varios intentos. Esta transferencia supón un primeiro paso para acabar coa situación e debe efectuarse libre de cargas, como xa aconteceu coas autoestradas madrileñas.
Mentres se tramita esta lei, cómpre levar a cabo a rebaixa das peaxes da AP9 comprometida no acordo de investidura co BNG. Unha rebaixa histórica só pendente de efectivizarse, e para o que o goberno do Estado dispón de 54,9 millóns de euros nos orzamentos de 2021.
Unha rebaixa, asemade, que significaría un grande beneficio para Betanzos e para a nosa comarca xa que permitiría que o tráfico pesado cruzase a ría pola ponte da autoestrada en lugar de polo centro de Betanzos, co perigo que supón na Angustia, na Ribeira e na Ponte Vella. Igualmente, unha rebaixa nas peaxes que axudaría aos pequenos empresarios e á veciñanza da comarca no desenvolvemento da súa vida económica, sanitaria e persoal.