AP-9 galega e libre de peaxes, unha mellora para Betanzos

Cantas betanceiras poden facer fronte aos case 2€ que custa cada traxecto entre Betanzos e A Coruña ou aos máis de 7€ que cómpre desembolsar por ir desde Betanzos a Compostela?

AP-9 galega e libre de peaxes, unha mellora para Betanzos

A prolongación da concesión da AP-9 até o ano 2048 representa un importante problema desde o punto de vista social, económico e político para Galiza e para Betanzos. Esta é unha autoestrada que funciona como un eixo ao redor do cal se vertebra a maior parte da poboación e da economía galega, polo que o feito de ser unha vía de pagamento supón un grave problema para as usuarias particulares, para todas as galegas que utilizamos a AP-9 a diario, mesmo por traballo, e tamén para o tecido empresarial. 

O mantemento das peaxes na AP-9 representa non só un castigo para todos os galegos e galegas senón unha clara discriminación coa Galiza, pois todas as autoestradas da súa xeración están libres de pagamentos a día de hoxe.

No caso do Autoestrada Atlántico a concesión inicial de 40 anos finalizou no ano 2013. Porén, gobernos do Estado do PSOE e do PP, adoptaron a decisión de prorrogar até 2048 a concesión dunha infraestrutura xa suficientemente amortizada e pola que os galegos e galegas levan pagando moito tempo

Ademais, pódese afirmar que a Autoestrada do Atlántico crea galegas de primeira e de segunda debido ás súas elevadas tarifas. Cantas betanceiras poden facer fronte aos case 2€ que custa cada traxecto entre Betanzos e A Coruña ou aos máis de 7€ que cómpre desembolsar por ir desde Betanzos a Compostela?

Por outro lado e máis alá do aforro económico, como nos afectaría aos betanceiros e betanceiras a eliminación das peaxes da AP-9? Temos falado de maneira reiterada dos problemas de tráfico, de seguridade viaria e de convivencia que crea a circulación de camións de alta tonelaxe polas zonas de Saavedra Meneses, a Ponte Vella ou a Ribeira. Estes camións cruzan a nosa cidade por ser esta vía a única alternativa gratuíta para unir os portos de Ferrol e da Coruña. Unha AP-9 sen peaxes pasaría a ser esa alternativa de balde para estes vehículos e cambiaría por completo a vida diaria do barrio da Ribeira, ao verse libre do tránsito de vehículos pesados, ao tempo que liberaría a Ponte Vella de soportar a presión deses camións a diario.

Algo similar acontece na zona de Montellos e Guiliade. Os camións que transitan desde o polígono de Piadela cara a Santiago de Compostela utilizan a AC-542 para evitar a custosa peaxe entre Betanzos e a capital, creando serios problemas de seguridade no cruzamento de Montellos e ao pasar por Guiliade. Novamente, a gratuidade da Autoestrada do Atlántico supoñería unha melloría substancial na vida da veciñanza destes núcleos. 

A sociedade galega no seu conxunto e a sociedade betanceira en particular temos moitos motivos polos que reivindicar a gratuidade desta autoestrada. Porque está máis que amortizada, porque solucionaría parte dos problemas de seguridade viaria do noso concello, porque suporía un revulsivo para a economía do noso municipio... porque é de xustiza, a AP-9 debe ser gratuíta e galega canto antes.

AP-9 galega e libre de peaxes, unha mellora para Betanzos