Hai determinados momentos en que se percibe que algo vai cambiar, que é necesario que as cousas cambien. Hai momentos en que a historia pode tocarse e moldearse coas mans e nós, no BNG, estamos convencidas de que este é un deses momentos. Da mesma maneira que temos o convencemento de que ese cambio vai vir das mans de todas e todos, porque moitas mans xuntas son as que constrúen a Historia.
Porque iso é o que estamos a buscar, cambiar a historia, facer realidade o soño de tantas xeracións de galegas e galegos: gobernarmos nós a nosa terra.
Xa o dicía Rosalía de Castro: é infeliz o que vive sen soñar. E nós temos un soño que queremos tornar en realidade o próximo 18 de febreiro.
Soñamos cun goberno galego coas mans libres, que poida decidir tendo en conta só os intereses da cidadanía galega, sen pregarse ante grandes empresas ou gobernos foráneos; cunha Galiza onde as nenas e nenos teñan pediatras no seu centro de saúde e onde a sanidade pública é unha prioridade; cunha Galiza en que o ensino público atende as necesidades de todo o alumnado, tendo en conta a súa diversidade e ofrecendo unha formación igualitaria e de calidade; un territorio onde a enerxía que se produce nos nosos montes e nos nosos ríos reverte na nosa terra; un territorio que respecta o seu medio natural, os seus ríos e as súas rías; unha sociedade onde a xente nova pensa no seu futuro sen ter que facer a maleta para marchar; un país que lle proporciona aos seus maiores unha vez tranquila... En definitiva, unha Galiza chea de ilusión e de futuro.
As galegas e os galegos votamos o 18 de febreiro e decidimos entre dous modelos. Escollemos entre un goberno encabezado por Ana Pontón con ganas de traballar e co convencemento de que Galiza ten un potencial inmenso e de que a sociedade galega ten moito que ofrecer, porque somos un país rico: a nosa xente fainos ricos. A outra opción é escoller a continuidade e as promesas baleiras, porque quen fai no futuro o que non foi capaz de facer no pasado?
E se vós, como nós, queredes soñar, haberá cambio. Se queredes un goberno feminista, que defenda a nosa terra, que aposte pola ciencia e a innovación, pola nosa cultura e pola nosa lingua, polos nosos sectores produtivos, polo noso mar e o noso medio, haberá cambio.
Se vós compartides a nosa ilusión, haberá cambio. Estamos convencidas. O único que necesitamos son as vosas mans. Unídevos e fagamos historia. É o momento. É agora.