Poucos días antes do remate do ano, producíase a convocatoria dunha nova cita electoral e as galegas comezamos o 2024 en precampaña electoral para a escolla dun novo goberno galego.
No BNG de Betanzos sabemos que o ano novo é o momento de soñar e de facer unha listaxe de propósitos e, por iso, ansiamos un goberno galego cumpra coas tarefas que ten pendentes con Betanzos e coa comarca das Mariñas.
Porque no BNG cremos que xa é hora de Betanzos conte co tan necesario centro de día público; así como tamén consideramos imprescindíbel a creación dun xeriátrico público para a comarca das Mariñas, carente por completo dunha infraestrutura desta índole. Para o goberno do BNG, a atención á dependencia será un dos grandes retos para afrontar, xunto coa conciliación da vida familiar e laboral. Sabemos que eses son os retos das sociedades modernas e facémolos nosos.
E non podemos entender a conciliación sen os centros de ensino. Uns centros esquecidos sistematicamente polos gobernos galegos, tanto na dotación de persoal como nos medios materiais. A reforma do Vales, a ampliación do seu comedor e as melloras dos institutos de educación secundaria serán cuestións prioritarias, pois non poden agardar máis tempo.
Asemade, a grande xoia do sistema público necesita a atención do goberno da Xunta. Levamos anos asistindo ao deterioro do sistema público de saúde: carencia de persoal (pediatría, matrona, xinecoloxía, médicos de familia etc.), aumento dos días de agarda para consultas, recortes nas probas diagnósticas... as betanceiras e as galegas necesitamos un novo goberno que mime o sistema público de saúde e que o trate como o que é: o garante dunha vida digna para as súas usuarias.
E se falamos de saúde, cómpre lembrar a saúde pública. Necesitamos sanear os nosos rías e a nosa ría porque, como levamos anos advertindo, o problema medio ambiental provocou un problema de saúde que nos afectou ás betanceiras por centos. Os nosos ríos deben ser fonte de vida e de riqueza. No BNG ansiamos, soñamos, cunha ría saneada e produtiva.
Soñamos co noso patrimonio valorado como merece, cun transporte público de calidade, cun sociedade que poña a igualdade no centro. Pero non só soñamos se non que temos un proxecto para facer estes soños realidade.
As betanceiras e as galegas necesitamos un novo goberno que poña as nosas necesidades no centro, que non teña as mans atadas polas grandes industrias ou por intereses foráneos. E no BNG estamos convencidas de que Ana Pontón vai encabezar ese goberno, porque estamos cargadas de ilusión e de esperanza e porque confiamos fondamente en Galiza e nas súas xentes.
Por iso, betanceiras e betanceiros, deixemos de soñar. Agora é o momento de iniciar un futuro cargado de ilusións. En 2024 poderemos facelo, é agora.