O BNG demanda que respondan co seu patrimonio os causantes da sentenza expropiatoria da Ribeira
As nacionalistas reclaman que se execute a zona verde da rúa da Mariña pola que houbo que pagar unha indemnización e unha expropiación.
Betanzos, 9 de maio de 2016. O BNG demandou no Pleno que o goberno local abra un expediente de responsabilidades aos concelleiros e técnicos que provocaron unha condea ao Concello a conta dun inmoble na Ribeira. As nacionalistas recordan que, tras dar licenza de obra, o goberno do PSOE delimitou nun solar en construción unha zona verde.
Isto motivou que o Concello fose condenado a indemnizar ao promotor e a expropiar a estrutura para dar paso á zona verde, prevista desde a aprobación do Plan Especial de Protección do Casco Histórico (PEPOCH) dos anos 90 do pasado século. Para construíla, antes será necesaria a demolición da estrutura existente e a construción posterior dunha zona verde.
As veciñas xa pagaron unha indemnización e unha expropiación para que o Concello se fixese coa titularidade desta estrutura sosteñen desde o BNG. O voceiro nacioalista, Henrique del Río, insiste en que o lóxico é que os causantes deste fallo contra os intereses da veciñanza respondan co seu do prexuízo ocasionado.
Neste sentido, o BNG denunciou no Pleno a demora do goberno municipal na execución dos traballos de construción desta zona verde. Como afirma o concelleiro nacionalista Henrique del Río no Pleno de xaneiro pasado o goberno respondeunos que era necesario redactar primeiro un proxecto técnico e este requería contar cos medios necesarios.